“Ponte…nas ondas!”: pola candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

«Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! informámosvos da primeira das accións para reactivar a sensibilización social en relación coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
Trátase agora dunha primeira acción arredor do 25 de novembro ( data na que en 2005 non foi proclamada esta Candidatura ). O próximo venres 23 de novembro imos encher as pontes do Miño entre Galiza e Portugal de mozos e mozas que van pedir novamente unha nova oportunidade para o patrimonio común galego-portugués co lema: 1 PATRIMONIO PARA O FUTURO.
Ademais de facer a coreografía do Máis Perto de Meniños Cantores (videoclip gravado por máis de 500 xoves na ponte entre Tui e Valença), nesta ocasión imos multiplicar por 4 esta imaxe. Máis de 2.000 persoas unirán coas súas mans as dúas beiras do Miño. Farase unha solta de globos ( azuis, brancos, vermellos e verdes ) simultánea en cada unha das pontes. Para facilitar o labor dos xornalistas vaise facer secuenciado temporalmente como segundo o horario indicado na nota adxunta.» (Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!)