Análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Dada a importancia do debate aberto en canto á modificación do marco normativo-regulamentario de uso das linguas oficiais no ensino consideramos da maior pertinencia unha reflexión xurídica demorada que complemente outras reflexións que se poidan realizar desde outras perspectivas (socio-lingüísticas, pedagóxicas, políticas…) das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que veñen de ser feitas públicas polo goberno da Xunta de Galicia.

A análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia mostra un preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario que rexe o uso das linguas oficiais e transgrede o cadro legal do que consensuadamente nos temos dotado os galegos e galegas para poñer en práctica o mandato da Constitución de protección das linguas como un patrimonio cultural precisado dun especial respecto (art.3) e do Estatuto de Autonomía de potenciación do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa e de disposición de todos os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (art.5).

O desenvolvemento da Constitución e do Estatuto de Autonomía ten como norma cabeceira á Lei de Normalización Lingüística de Galicia aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia en 1983. Igualmente por unanimidade o Parlamento de Galicia aprobou en 2004 o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega elaborado polo goberno galego que, como plan gubernamental con aval parlamentario, constitúe un documento básico que debe iluminar as normas que se aproben, actuando as súas previsións como principios interpretativos do ordenamento lingüístico. A ratificación polo Reino de España en 2001 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias supón unha actualización con rango de lei dos compromisos de protección das linguas propias que debe ter reflexo no ámbito da educación.

Ler documento completo en PDF.