“Comunicar cultura”, as xornadas do CCG

Durante os días 20, 21 e 29 de abril de 2010 terán lugar no Consello da Cultura Galega as xornadas “Comunicar cultura”, que contarán coa participación, entre outras, de Ramón Villares, Ana Romaní, Camilo Franco, Carlos G. Reigosa, Santiago Jaureguizar, Xosé Ramón Pena, Antón Lopo e Alfredo Ferreiro. A organización está principalmente a cargo de Xosé López, Xosé Manuel Pereiro e Rosa Aneiros. Pode consultarse o programa completo aquí.
«A comunicación ocupa un lugar central na configuración dos novos modelos de sociedade e, por tanto, tamén nas transformacións no campo cultural. Comunicación e Cultura son aspectos da mesma realidade social que dificilmente podemos separar. Nestes últimos anos a alianza entre cultura e comunicación converteuse nun eixe estratéxico para xerar produtos creativos, para fomentar o intercambio de puntos de vista e para incentivar a participación cidadá en todos os ámbitos da vida diaria. O panorama actual amosa oportunidades para que, mediante o emprego das ferramentas axeitadas, poidamos converter vellos soños de renovación no campo da comunicación e da cultura en realidades. A comunicación mediada tecnoloxicamente, como elemento transversal para a cultura, convértese nun instrumento clave nos procesos de difusión e creación para uns cidadáns cada vez máis esixentes. De feito, a cultura encóntrase no centro da maioría dos debates contemporáneos sobre identidade, tolerancia e convivencia en igualdade. Hai, por tanto, apaixonantes desafíos pensando a comunicación desde a cultura.

Estas xornadas de traballo, enmarcadas nos foros de debate que promove e organiza o Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega, queren achegar reflexións teóricas e prácticas, potenciar o coñecemento e fomentar o debate. Será un encontro aberto con voces plurais para procurar ideas neste proceso de análise e debate colectivo, con especial atención ás renovadas técnicas para comunicar cultura no ecosistema mediático do terceiro milenio. […]» (Consello da Cultura Galega)