Andrea Maceiras gaña o Meiga Moira de literatura infantoxuvenil

A coruñesa Andrea Maceiras Lafuente vén de gañar o cuarto Premio Meiga Moira 2010 de literatura infantoxuvenil convocado por Baía Edicións. O xurado, formado polas escritoras Marica Campo e Conchi Regueiro, o ensaísta e profesor da UDC Carlos–Paulo Martínez Pereiro, que actuou de presidente, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu hoxe conceder por unanimidade o galardón á obra presentada baixo o lema Arquipélago. Abertas as plicas, a gañadora resultou ser unha obra da escritora coruñesa que leva como título Violeta tamurana e proposta para o tramo de idade de 12 a 16 anos. O xurado valorou a excelente historia, contada cunha narración limpa e enriquecida por un estilo poético, que desenvolve a novela nunha trepidante mestura de trama amorosa e aventura no ámbito do fantástico e na que consegue crear un clima convincente entre as dúas realidades en que habitan os seus protagonistas. A obra propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente.A obra será publicada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e a autora recibirá 2.500 euros, cantidade coa que está dotado o Premio. Vía Xornal.