Nomeamentos na Real Academia Galega

“A Real Academia Galega prepara un amplo programa de actividades, no que se inclúen publicacións e actos musicais por toda Galicia, para conmemorar os 50 anos da celebración das Letras Galegas, edición na que será homenaxeado Valentín Paz Andrade. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, tras comparecer en rolda de prensa xunto ao presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo resaltou, a Academia “quere dar a máxima difusión” a un proxecto de actos conmemorativos para celebrar o que “é a maior festa cultural de Europa” se se ten en conta o carácter popular e participativo desta. Axeitos sinalou que a RAG “prepara actos moi importantes”, que xestiona con “empresas privadas” debido ás “dificultades” económicas actuais, polo que aborda o programa con empresas de comunicación, industrias e grandes compañías “para poder presentar actos de música, folletos, libros e concertos por todo o país”. (…)
O primeiro plenario de 2012 da Real Academia Galega serviu, ademais, para nomear a catedrática de lingua e Literatura portuguesa e brasileira do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre Giulia Lanciani académica de honra. “É unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudios que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo”, indica a RAG. Ademais, o plenario acordou nomear académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez, relacionados coa constitución de diferentes seccións nas que está organizada a Academia e que “están chamadas a desenvolver un importante traballo no ámbito da gramática, lexicografía, onomástica, a literatura e a historia”. Deste modo, estes recén nomeados académicos incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da Real Academia Galega.”