Convocado o XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

BASES DO XXV PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN 2012

1. O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXV edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN.
2. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente.
3. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso.
4. Os participantes deberán enviar 4 exemplares da obra, mecanografados, sen remite identificador, ó seguinte enderezo:
XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
Concello de Dodro
Tallós, 32
15981 Dodro- A Coruña
5. As obras concursantes deberán ostentar o título e un lema, que tamén figurará no exterior dun sobre que conteña a fotocopia do DNI do autor ou autora, o seu teléfono e enderezo, así como un pequeno currículo literario, no caso de que teña obra publicada.
6. O prazo de presentación das obras remata o día 6 de novembro do ano 2012.
7. A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. Se o xurado o considera oportuno, pola baixa calidade dos libros presentados, o premio poderá ser declarado deserto.
8. O xurado será designado polo Concello de Dodro. Formarano o presidente e o secretario –este, con voz e sen voto-, ambos membros da Corporación Municipal, e catro especialistas vencellados á poesía e/ou á crítica literaria. A composición do xurado farase pública cando remate o prazo de admisión de orixinais.
9. O fallo será dado a coñecer nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Concello de Dodro o día 1 de decembro de 2012. A entrega do premio realizarase o día 16 do mencionado mes. As obras non premiadas serán devoltas aos autores que as soliciten no prazo dun mes a contar do día do fallo.
10. A obra galardoada publicarase dentro da Colección de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón da Editorial Sotelo Blanco, que se reserva os dereitos de edición. A contía do premio será considerada como un adianto dos dereitos de autoría. O autor ou autora recibirá gratuitamente 25 exemplares.
11. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e a interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este nas suas funcións adopte.”