Conclusións do XXIX Encontro Galeusca

O Congreso da Federación Galeusca reúne anualmente representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate, que nesta ocasión foi Oralidade. O que se escribe para dicir, unha reflexión desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
Así pois, reunidos en Donostia os días 26, 27 e 28 de outubro no marco do encontro anual da Federación Galeusca, os escritores cataláns, galegos e vascos, chegouse ás seguintes

CONCLUSIÓNS

1. Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2. Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3. Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4. Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5. Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6. Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.

Este encontro é tamén o marco no que se celebra a Asemblea da Federación Galeusca, creada polas asociacións de escritores de Euskadi, Cataluña e Galicia como instrumento para a coordinación e a acción conxunta, esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas. A Asemblea tomou, entre outros, o acordo de facer xestións ante o Ministerio de Cultura para que aplique e leve á practica a proposición non de Lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura (1), que, impulsada pola propia Federación Galeusca, foi finalmente foi aprobada por unanimidade o 15 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Esta proposición indica que o Estado debe crear as condicións para que poidan ser perceptoras das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado, feito que non está a acontecer dado que a Asociación Colegial de Escritores de España recibe axudas ás que non optan as súas homólogas de Cataluña, Euskadi e Galicia.

(1) Foi aprobada nos seguintes termos:
1. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir avanzando no impulso e protección da multiculturalidade e o plurilingüísmo existente en España, mediante unha política de promoción, protección e difusión da obra artística e literaria, con independencia da lingua utilizada.
2. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir impulsando a incorporación de representantes do ámbito literario en todas as linguas do Estado en Actos, Premios, Xurados e Institucións dependentes do Ministerio de Cultura. Así mesmo insta a crear as condicións para que poidan ser perceptores das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
3. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir establecendo canles de diálogo coas asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.