Méndez Ferrín advirte que a supervivencia da RAG “está en perigo”

“”Está en perigo a Academia, toda ela”. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, advertiu este luns que a rebaixa nos orzamentos da institución pon incluso en dúbida a súa continuidade. A rebaixa na achega económica do Estado, nun 70% en dous anos, e as últimas negativas da Xunta para compensar esta caída de ingresos poñen en serias dificultades a centenaria entidade. “Esperemos que a RAG poida continuar funcionando; logo de que os Presupostos Xerais do Estado nos fosen desfavorábeis, agardamos que a Xunta enxoite esa diferenza e que poidamos seguir adiante”, asegurou Ferrín logo de manter unha xuntanza con varios representantes do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “Pedimos a todos os grupos da Cámara que nos apoien”, insistiu o presidente da Academia, que fai un chamamento ao Executivo galego para que nos vindeiros Orzamentos compense coa súa achega económica á entidade o duro recorte sufrido por parte do Estado. Esta petición urxente da RAG chega tras unha rebaixa moi considerable nas asignacións do Executivo galego á RAG, ao pasarse de convenios por 450.000 euros en 2011 a 280.688 euros en 2012, unido aos duros recortes na asignación do Estado, que finalmente quedou en 700.000 euros tras o trámite parlamentario dos Presupostos, o que aínda así supón unha rebaixa duns 300.000 euros con respecto ao exercicio anterior. (…)”. Desde Praza.