Camilo Nogueira: “A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino, porque alí operan 23 linguas oficiais”

Entrevista a Camilo Nogueira na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Galicia como tarea e La marginación de Galicia de Paz-Andrade, son ensaios que ademais de falar de economía procuran fundamentar historicamente a situación do país. Vostede leva adicado un intenso esforzo por facer entender os alicerces de Galiza como nación histórica, precisamos do amparo da historia para construír a identidade política?
– Camilo Nogueira: Como todas as nacións, aínda que se pretenda o contrario. A constitución do estado español di no preámbulo que “España é unha nación, indisolúbel, patria común, etc…” e faino dunha maneira exclusivista. Só nese enunciado hai unha ideoloxía que en grande medida está armada sobre a negación de Galiza como nación. O Estado español non pode comprender que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios. Hoxe formamos parte do Estado español pero temos unha presenza no mundo a través da cultura e a lingua que vai máis alá dese estado e non pode ignorar en absoluto a Portugal. Até 1400, co cisma europeo entre Avignon e Roma, todas as dioceses galegas, agás Santiago, eran de Braga e Lisboa e outras dioceses de Portugal, xunto a Salamanca, Badaxoz ou Ávila eran de Santiago de Compostela. Esa historia non conta para a constitución española. Un absurdo porque sería unha riqueza para un estado concibido como plurinacional. Ignórase que cando se pasou do latín ao romance, Afonso X, que escribiu as Cantigas de Santa María porque a súa familia viña de Galicia, pasouse a un castelán armado desde a Corte nunha decisión que ignoro porque se tomou así, pero que non foi asumida polo rei Don Dinis, que pasou do latín ao galego-portugués, e Galicia que xa perdera a súa coroa propia mantivo o galego até 1500. Aínda hoxe a nosa exportación a Portugal é única. Seguindo ese razoamento, na miña intervención do Congreso de Paz Andrade destaco unha frase de Valentín dicindo que entre a Estaca de Bares e a Punta de Sagres hai unha plataforma que é o mellor emprazamento europeo para desenvolver unha industria relacionada co Océano, sexa na pesca ou no transporte. (…)”.