Fran Godón gaña o premio Abrente de textos teatrais

Desde La Región:
Diante do espello, do actor e director teatral coruñés Fran Godón (Ut-Tópico Teatro), resultou galardoado co oitavo premio Abrente de textos teatrais organizado no marco da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e dotado con 3.000 euros.
O xurado, conformado por Anxo Abuín, María Armesto, Fran Peleteiro e Roberto Pascual, destacou a variedade, calidade e elevado número de textos de altísimo interese presentados na edición deste ano, ‘síntoma do bo momento, sen dúbida, do teatro escrito en galego’.
A obra gañadora, presentada baixo o lema Sarah Hauser, foi seleccionada pola ‘construción coherente dun mundo escénico de carácter metateatral, baseado nunha afinada elaboración de elementos sensoriais e unha linguaxe orixinal que busca novos rexistros no emprego do diálogo’.
O xurado destacou, á súa vez, o ritmo fluído da proposta escénica, ‘con parénteses de forte carga poética e na configuración de personaxes que reflexionan sobre a complexidade da identidade humana, nos límites entre dous mundos: o das actrices e os dos seus personaxes’. (…)”