Lugo: comeza o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comezará mañá martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, que se estenderá até o 17 de decembro tras 13 sesións semanais, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo é pois o de traballar coa oralidade e chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.

Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesións prácticas aberta ao público, e a última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.