San Simón, Redondela: II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador

O II Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador celebrarase do 14 ao 19 de outubro na illa de San Simón (Redondela). É un proxecto coordinado pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Redondela, xunto a outras entidades colaboradoras coma o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución do CUVI –e os grupos de investigación BITRAGA e GAELT vinculados á mesma- entre outras.
Os participantes nesta segunda edición, que cumpren o esixente perfil de seren poetas moi recoñecidos nos seus sistemas literarios e á vez sobranceiros tradutores de poesía, chegarán dende os máis afastados recantos de Europa, África do Norte e EEUU. Gökçenur Ç (Turquía), Kätlin Kaldmaa (Estonia), Xuan Bello (Asturias), Samira Negrouche (Alxeria), Lawrence Schimel (Estados Unidos), Anna T. Szabó (Hungría) e Isaac Xubín (Galicia) desenvolverán un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución -a cadansúa lingua- dunha selección de textos poéticos propios acompañados de versións ponte en inglés, a que funcionará como lingua vehicular para todo o proxecto.

Mais, alén diso, un rico programa de actos paralelos servirá tamén para poñer en contacto aos públicos galegos da cultura con estas figuras literarias internacionais, á vez que os convidados coñecen máis de preto o tecido cultural galego sobre o propio terreo:
Mércores 16 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Casa das Campás, Pontevedra. (En colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra).
Xoves 17 outubro, 19:30 horas. Mesa redonda Cercando as ondas. Tradución poética en mans de poetas. Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n), Vigo. (En colaboración con BITRAGA, GAELT e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).
Venres 18 outubro, 20:00 horas. Recital poético multilingüe Atendendo o meu amigo. Auditorio do Multiusos da Xunqueira (en colaboración co Concello e a Biblioteca Municipal de Redondela).

Todos estes actos -gratuítos e abertos para todo o público interesado- permitirán coñecer de primeira man o labor desenvolvido, tanto como gozar das obras literarias destes sete recoñecidos autores nas súas propias voces, a carón das traducións ao galego das que este ano se ocupa Isaac Xubín.Completarase así un traballo que os poetas participantes darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades lingüísticas, nun proceso de intercambio cultural que coloca á escrita galega nunha proxección internacional practicada dende o seu terreo.
Os idiomas estoniano, francés, turco, inglés, asturiano, húngaro e galego serán os protagonistas desta segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador nunha iniciativa capaz de poñelos a todos ao mesmo nivel, facendo dunha illa pequena e periférica coma San Simón un verdadeiro centro de mutuo enriquecemento lingüístico e literario.

Pode descargarse máis información aquí: Folleto Con barqueira e remador 2013.