Convocado o XI Premio de xornalismo Johán Carballeira

BASES

1.- O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013.
Os traballos, que deberan ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, estarán escritos en lingua galega.
2.- Aceptarase un só traballo por autor/a. Non poderán presentarse as persoas gañadoras das dúas últimas edicións do premio.
3.- A presentación dos traballos poderá facerse por calquera das dúas vías seguintes:
• EN PAPEL: De cada traballo teñen que presentarse un orixinal e 3 copias da páxina ou páxinas completas da revista ou xornal que acolleu a súa publicación. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación XI PREMIO DE XORNALISMO JOHÁN CARBALLEIRA, no seguinte enderezo: Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra). No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase unha folla coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico.
• POR CORREO ELECTRÓNICO: Deberá enviarse un documento en formato PDF co traballo que se presenta. No caso de publicacións en medios dixitais remitirase a ligazón ao enderezo web no que se atope o traballo presentado. En ámbolos casos indicarase no asunto da mensaxe XI PREMIO DE XORNALISMO JOHÁN CARBALLEIRA.
Ademais debe achegarse un documento coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
4.- O prazo límite para a recepción dos traballos que participen neste certame péchase o día 10 de xaneiro de 2014 ás 23:00 h.
5.- O premio terá unha dotación única de 1.500 €, comprometéndose a imputación desta cantidade ao orzamento xeral do Concello de Bueu para o exercicio 2014 e a acreditación da existencia de crédito axeitado e suficiente. A dotación do premio estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. O premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
6.- O Xurado estará composto por tres persoas vinculadas ao xornalismo galego, unha delas nomeada pola asociación colaboradora “Amigos de Johán Carballeira”, e máis un/ha secretario/a. Este xurado valorará positivamente aqueles traballos enmarcados nos xéneros da reportaxe e a entrevista, xéneros nos que desenvolveu maioritariamente o seu labor xornalístico Johán Carballeira.
7.- A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio. Prevese que esta se produza nun acto público enmarcado na Semana das Letras Galegas 2014.
8.- O Concello de Bueu resérvase o dereito de reprodución dos traballos premiados, así como de calquera outro presentado ó certame, na forma e o medio que estime máis con veniente, aínda que incluíndo sempre o nome de cada autor/a.
A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.”