Cuestionario Proust: Xosé María Lema Suárez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé María Lema Suárez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Disque a tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tolerancia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade, apoio verdadeiro nas ocasións en que se lles precisa.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia, quizais. E tamén a indecisión, como volver repasar un cento de veces as respostas a este cuestionario.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, viaxar…, e non agocho o meu vezo de ver non poucos partidos de fútbol televisados, ou asistir en directo ós do meu C. D. Baio, un club que non ten reparos en amosar na insignia o que para outros é símbolo do fracaso: un farol vermello.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Saúde e traballo para todos, empezando polos meus. Que a lingua galega teña garantida a supervivencia sería outro motivo que me faría feliz.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte de calquera familiar próximo, sobre todo dun fillo ou dun neto.
8.– Que lle gustaría ser?
– De mozo quería ser futbolista. Agora cantante de orquestra (non é brincadeira).
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia coa súa lingua dona e señora da propia casa (e coas invitadas que se queiran). Polo que se está vendo, iso só será posible nunha Galicia liberada.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste entre as suaves; a vermella entre as fortes.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima, flor amarela que engalana na primavera as toxeiras e as xesteiras, alegrando o monte. Ata o nome é bonito.
12.– O paxaro que prefire?
– O pincaouro, por dicir algún (e para que se busque no dicionario, o Gran Xerais por suposto), pois eu, malia nacer na aldea, non era moi amigo de andar ós niños.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son devoto ó completo de ningún autor ou autora, senón dalgunha das súas obras concretas (na resposta á preg. 15 cito algúns títulos).
14.– E na poesía?
– Aínda non sendo bo lector de poesía, atráenme a dos poetas do mar, en especial os do mar inquedo da Costa da Morte (cos seus tombos, rutías, cabezos, furnas, faros…), desde López Abente e Zapata a outros/as máis actuais (que cito nas derradeiras páxinas da novela Costa do Solpor, pois tomei cousas deles).
15.– Un libro?
Sempre en Galiza (Castelao) e Memorias dun neno labrego (Neira Vilas) marcáronme de mozo. Como as novelas que máis me atraen son as de ficción histórica e de aventuras: A illa do tesouro, O nome da rosa, Os piares da Terra
16.– Un heroe de ficción?
– William de Barkerville (o monxe sabuxo d’O nome da rosa), Jack Shareburg (d’Os piares da Terra) e tamén, madia leva, o meu Chavián do Vao, de Costa do Solpor.
17.– Unha heroína?
– Mariña de Lobeira, a valente moza fidalga desta mesma novela, que renuncia á gloria individual a prol da vitoria colectiva.
18.– A súa música favorita?
– Variada, empezando polos pop dos setenta. Cancións clásicas en idiomas diversos, que ás veces mesmo me atrevo a cantar cos amigos. Predilección por certos cantantes (J. Brel, Aute, Serrat, Sabina, Sinatra, Mini e Mero, Uxía, un novo valor coma Xiana Lastra…) e pola música brasileira e irlandesa (dúas baladas fermosas: Carrickfergus, The fields of Athenry), ademais da galega, claro (unha canción nosa: Quen puidera namorala). Para o canto coral, as óperas de Verdi.
19.– Na pintura?
– A impresionista e postimpresionista da Francia de finais do séc. XIX, pola súa luminosidade e vivo cromatismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todos os perseguidos por razón do seu pensamento, relixión, raza, lingua, sexo, orientación sexual… Tamén entran no meu Olimpo heroico os docentes que seguen dando en galego as matemáticas e outras materias científicas. E esas mociñas do Bierzo que nun video de youtube defenden Galicia e o galego. E os falantes do valego de Estremadura… Por sorte, aínda temos xente con moita autoestima, mal que lles pese a algúns.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña, Sabela, Irimia, Iria, Uxía, Antía, Andrea, Xiana, Xela, Mencía, Minia…, para mulleres; Denís, Alexandre, (H)adrián, Xoán, Xián, Breogán, Breixo, Roi, Uxío, Iago…, para homes. Na onomástica galega hai onde escoller.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira, a hipocrisía (nos políticos, sobre todo).
23 – O que máis odia?
– A intolerancia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A calquera ditador, e ós gobernos que en democracia utilizan a súa maioría para impoñer ditaduras veladas.
25.– Un feito militar que admire?
– As revoltas irmandiñas do séc. XV: por unha vez o asoballado pobo galego atreveuse a tomar a xustiza pola man contra os poderosos, que chamaron ós pés compañeiros.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Un poder especial para facer de verdade unha xustiza igualitaria (ou que é o mesmo: poder desfacer a INxustiza gallardoniana).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Como non nos queda outra… que sexa máis ben tarde ca cedo, e que polo menos sexa sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pesimista esperanzado. Se baixas os brazos devórante os intolerantes: para amolalos hai que resistir. Aínda que vaia de derrota en derrota, sempre agardo a vitoria final.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ira incontrolable ante a opresión, a inxustiza, a mentira, a hipocrisía… dos poderosos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non facer mal a ninguén, deixar un bo recordo na vida e poñer o meu gran de area na tarefa colectiva de que o idioma galego perviva outras mil primaveras máis. Non comprendo como hai gobernantes que se empeñan xustamente no contrario. A historia os xulgará; estou seguro.”