Culturgal demostra a vitalidade da cultura galega

Artigo1416902712731culturgal2014 en Sermos Galiza:
“Se o Culturgal ía seguir mantendo o nutrido público da anterior edición a pesar do cobro por entrada e de se realizar nunha fin de semana longa era unha das preguntas que pairaban sobre a Feira das Industrias Culturais desde a sexta feira día 5 que abría as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. O domingo á noite, cando as portas se pechaban e os stands comezaban a desmontarse a organización mostrábase optimista ao se rexistrar mesmo un lixeiro aumento a respecto da anterior edición e situarse en 14.450 entradas vendidas. O ambiente de consolidación da Feira aprezábase tamén en que a organización se despedía anunciando xa as datas do vindeiro ano que, outra volta, será na fin de semana da ponte de decembro, os días 4, 5 e 6 de decembro.
O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, aventuraba na inauguración da Feira que esta sería a edición da “consolidación” e repetía a idea da “construción en man común” coa implicación das administración, as empresas e o público. No balanzo final, Bragado aseguraba que “os datos supoñen o respaldo do público á idea de corresponsabilidade, futuro compartido e valoración da cultura que lanzamos desde Culturgal”.
Quedaban atrás tres días, máis de 30 horas de programación, arredor de 150 actividades de distintos ámbitos entre as que se atopaban novidades editoriais, música ao vivo, presentacións de iniciativas culturais, novidades tecnolóxicas, proxectos… todo un amplo abano de propostas para que cada ano Pontevedra se converta en punto de encontro e lugar de referencia para as novidades da nosa cultura. (…)
Tamén a presenza dun amplo grupo de escritores e escritoras con novidades editoriais recentes como Suso de Toro, Xabier Quiroga, Francisco Castro, Helena Miguélez-Carballeira, Fran Alonso, Xurxo Souto, María Reimóndez, Pere Torabuela, Núñez Singala, Alberto Ramos, Antón Dobao ou Ledicia Costas atopáronse ao vivo co seu público durante tres días nos que non houbo parada. (…)”