Eli Ríos gaña o XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración coa obra Bicha

DesdeEli Ríos a Deputación de Ourense:
“A escritora coruñesa Eli Ríos (Londres, 1967) coa obra Bicha (presentada baixo o lema “Pumuqui”), foi a gañadora da XII edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o atractivo dos seus personaxes para o lector e a importancia que o relato da a amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”. De todos os textos presentados ao premio, o xurado destaca a gran calidade literaria e salienta a dificultade que isto supuxo na elección. A gañadora foi seleccionada de entre dúas obras que competiron ata o final, sendo elixida finalmente Bicha por maioría.
Segundo as normas do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no XII Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria para este certame dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Eli Ríos. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e os traballos terán que estar presentados antes do 30 de marzo de 2015.
O xurado do XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, deputado de Cultura da Deputación de Ourense, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, María Rosa González Méndez, Francis Stella Estrada Mosquera e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez. (…)”