Verónica Martínez Delgado: “Visión de xénero na crítica literaria galega feita na Galiza”

ArtigoVerónica Martínez Delgado 2 de Verónica Martínez Delgado en Palavra Comum:
“(…) O tema que me corresponde apenas presentar é Literatura galega: identidade, alteridade e exilio. Visión de xénero na crítica literaria galega.
Para poder desenvolver esta pequena e humilde disertación, púxenme en contacto cos máis coñecidos e recoñecidos críticos e críticas literarias deste país, para tirar unha visión máis profesional e plural sobre o tema. Coas súas respostas a un pequeno inquérito e as miñas propias conclusións, espero poder dar un pouco de luz sobre este tema.
Comezo reflexionando sobre isto: que é a crítica literaria?
Consiste nun exercicio de análise e valoración razoada dunha obra literaria, nun medio de comunicación actual. Cabe distinguila da historia da literatura, que realiza unha crítica e valoración moi a posteriori e, frecuentemente, de forma máis documentada e ecléctica.
Existen dous grandes xéneros de crítica literaria: a que propón como proxecto o rigor metodolóxico e científico e aqueloutra que establece a propia subxectividade ou o seu carácter polémico ou informativo.
Na enquisa realizada, parto da base de que existe un sistema literario galego, cunha compoñente importante na crítica literaria.
Segundo esta premisa recollo a opinión, daqueles que tiveron a ben responder á miña demanda, sobre que opinión lles merece a crítica galega, entendida como tal, a feita en galego sobre libros escritos nesta lingua.
Concordan, na súa maioría, en que a crítica profesional e científica como tal, non se exerce de maneira efectiva no noso país, na “súa función selectiva e dialéctica”, en palabras de Ana Salgado, para que sexa un terreo que propicie verdadeiramente a discusión, quizais, e nin sempre, fóra do ámbito estritamente académico. Inciden en que non se leva a cabo unha crítica negativa en case ningún caso, só pequenas apoloxías dos libros criticados e/ou haxiografías dos propios e propias escritores e escritoras. Diferencian, moi acertadamente, entre crítica académica e a situada nas marxes.
En canto á visibilidade dentro do entorno dos mass media e publicacións especializadas, en canto a calidade, repercusión na sociedade, etc, comentan que resulta difícil medir o impacto real da crítica galega, xa que está moi dirixida a un público concreto, mais a invisibilización e invisibilidade da literatura leva asociada a invisibilización e invisibilidade, aínda maiores, do discurso crítico arredor dela. Existen poucos espazos para a crítica e estes son maioritariamente hexemónicos e patriacais. Así, finalmente, os lectores podemos rematar por confundir a calidade coa cantidade de laudatios que reciba un escritor e como apuntaba Mario Regueira, se cadra, só nos está a manifestar cal é a súa rede social.
Tamén existe unha literatura de xénero feita por mulleres que manifestan abertamente un compromiso feminista reflectido nas súas obras. Pregunto ás críticas e aos críticos: Como consideran o comportamento da crítica fronte a este tipo de obras e autoras? Como está a ser o tratamento destas obras? Existe un diferente tratamento destas obras segundo a crítica sexa realizada por mulleres ou homes?
As respostas apuntan cara a que “o patriarcado non pesa máis nin menos que no resto dos planos sociais, a cultura, non é algo que realmente nos faga libres da discriminación coa que as mulleres e os nosos discursos vivimos todos os días”, como afirma nese senso Ana Salgado.
Eli Ríos apunta: “se a obra mantén intactos os canons patriarcais e non resalta demasiado o “feminismo” os críticos deciden publicitala para demostrar que as mulleres temos cabida tamén na literatura galega, non acontecería o mesmo se fose abertamente feminista”.
Para rematar insisto en se existe unha distinta visibilización da crítica feita por mulleres e aqueloutra feita por homes, ou un tratamento diferente feito polos lectores. E se consideran que se trasladan os preconceptos da sociedade ás distintas interpretacións das obras realizadas por homes e mulleres.
Concordamos en que existe, desde o momento en que a meirande parte da pouca prensa que crea espazos para a literatura, os elixidos para facer crítica son homes. Os medios, ademais, están dirixidos por homes, e reflicten a mentalidade machista dominante na sociedade, cando non a promoven. Por tanto, existe unha tendencia a interpretar de forma distinta o valor do traballo feito por un home e o feito por unha muller.
Ramón Nicolás súmase ao destacar que a aparición da plataforma de crítica literaria A Sega é a manifestación máis clara, pertinente e iluminadora desa diferenza e afirma: “penso que cumpriría unha maior presenza de críticas neste país que abordasen o que se publica con criterio e honestidade, e o criterio, cando menos, sempre debería ser plural, aberto, argumentado e sen estridencias. O exemplo da páxina A Sega paréceme moi interesante, por exemplo”. (…)