Ledicia Costas: “A miña aposta por vivir da literatura está moi meditada”

EntrevistaLedicia Costas de Carme Vidal a Ledicia Costas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Tres edicións en cinco meses. Cal é o segredo de Escarlatina. A cociñeira defunta?
– Ledicia Costas (LC): O libro saíu en outubro e por volta do Samaín rematouse a primeira edición. En Nadal voou a segunda e en xaneiro a editorial xa se meteu coa terceira. 6.000 exemplares en total. Cadrou moi ben e entrou tamén en moitos centros de ensino. O que fixen foi xuntar dous temas que me gustaban literariamente como son a cociña e a morte e o resultado foi este. Temos unha longa tradición arredor da morte e é raro que ninguén a tratase deste xeito desenfadado. Que sexa un libro de receitas tamén axudou á hora de ser tan ben acollido. (…)
– SG: En que mudou esta colección de boas noticias a súa relación coa literatura?
– LC: Pois en algo moi importante. A día de hoxe os meus ingresos veñen exclusivamente da literatura. En xaneiro tiven o meu derradeiro xuízo e decidín deixar o oficio de avogada e meterme de cheo na escrita. Apostei por vivir disto. Sempre fun moi cauta e asistín a todo o debate que se produce arredor das posibilidades da profesionalización. Levei ano e pico sobrevivindo da literatura e agora decidín dar o paso, curiosamente cando o sector editorial non goza da mellor das saúdes. Son prudente pero é a miña decisión.
– SG: É unha aposta persoal na que tamén asume os riscos?
– LC: Digamos que é unha decisión moi meditada. Desde hai anos tratei de compaxinar a avogacía e a literatura mais comprobei que o que me gustaba e o que me proporcionaba ingresos é a escrita que, aos poucos, íalle comendo espazos ao dereito. De xaneiro a maio sumarei máis de cen charlas en centros de ensino. Como avogada, ademais, os ingresos reducíranse moito coas novas taxas. Optei por deixar a pel na literatura e, se logo hai que buscar outra saída xa se pensará.
– SG: Esa decisión obriga a ter unha actividade pública maior?
– LC: Obriga. O pálpito xeral que a xente transmite é que non se pode vivir da literatura e eu, que teño moito de outsider, confío en que a base de traballo é posíbel. Neste momento teño a sensación de que as cousas veñen soas e imos ver que pasa a partir de agora. (…)
– SG: A esa actividade súmase o proxecto que presentaba no fin de ano, a revista Criaturas arredor da literatura infantil e xuvenil.
– LC: Ese proxecto non é só meu e, en concreto, ten moito a man de Daniel Landesa que está na orixe de todo. Agora estamos argallando o seguinte número que vai estar dedicado ao humor na literatura. Somos unha lingua minorizada e estamos a lanzar unha revista especializada en literatura infantil e xuvenil. Dixéronnos que posibelmente non fora rendíbel mais non nos importa. O proxecto é amplo. Temos a revista e os contidos que imos metendo na web, a nosa intención é seguir ampliando contidos con todos os colaboradores e colaboradoras. Trátase de tecer unha rede, unha sorte de tellado no que acubillarse os que traballan na literatura infantil e xuvenil. Ao noso ver había unha lagoa, un espazo baleiro que decidimos cubrir. Temos moita ilusión co proxecto. (…)”