#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”

ArtigoEuSonRosalia___(1) de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”