Bases do XVII Premio de teatro Rafael Dieste 2015

“Coa intención de incentivar a creatividade no ámbito do teatro, que constitúe unha das expresións artísticas con maior incidencia social, e en lembranza do xenial autor rianxeiro, a Deputación Provincial da Coruña convoca o XVII Premio de teatro Rafael Dieste, de acordo coas seguintes:

BASES

Primeira.- Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten obras de teatro escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro premio o certame.
Segunda.- Establécese un premio único e indivisible, dotado con 6.500 €.
Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.
A Deputación publicará a obra premiada, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala e de representala, e entregará ao gañador trinta exemplares.
A Deputación poderá contratar unha compañía teatral galega para realizar a montaxe e a representación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre.
A presentación será feita, preferentemente, en formato dixital, por medio dun CD que incluirá na carátula a seguinte inscrición: XVII Premio de teatro “Rafael Dieste”, título da obra e lema o seudónimo; o tratamiento de texto será Word, OpenOffice ou PDF.
No caso de optar pola presentación en papel, as obras serán presentadas por duplicado, en exemplares separados, tamaño DIN A 4, e impresos polas dúas caras, ademáis deberán estar numerados, grampados ou encadernados.
A obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que será enviada achegada dun sobre aparte; no exterior do sobre figurará o título da obra e o lema ou pseudónimo do seu autor; no interior incluirase unha copia do NIF, o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico e, ademais, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio.
Cuarta.- O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 6 de abril de 2015.
Os orixinais enviaranse á Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, indicando no sobre XVII Premio de teatro Rafael Dieste.
Quinta.- O xurado estará presidido polo presidente da Deputación da Coruña e formarán parte del: a deputada presidenta da Comisión de Cultura, Educación, Deporte e Mocidade e cinco persoas de recoñecido prestixio no eido teatral.
O xurado será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da Corporación ou o funcionario no que delegue.
A composición do xurado será dada a coñecer con anterioridade á súa reunión, a través do taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes.
Sexta.- Os participantes terán a obriga de comunicarlle á Deputación a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.
Sendo un dos obxectivos deste concurso a representación da obra premiada, serán valorados positivamente os factores que incidan na súa viabilidade escénica: número de personaxes, condicións técnicas, etc.
O xurado non poderá declarar deserto o premio e presentará a súa proposta ao presidente da Deputación, que é o órgano competente para concedelo.
A decisión do xurado terá lugar no segundo semestre de 2015 e será dada a coñecer a través do taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación.
Se houbese finalista, a plica correspondente á obra poderá ser aberta polo secretario do xurado co fin de que, se o seu autor o permite, poida darse a coñecer o seu nome.
Sétima.- Non se devolverán os orixinais non premiados que, a partir do día seguinte á decisión do xurado, serán destruídos.
Oitava.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

A Coruña, 25 de febreiro de 2015

O Presidente O Secretario

Diego Calvo Pouso José Luis Almau Supervía”