A Academia refírese á elección de Manuel María, homenaxeado do Día das Letras de 2016, como “gloriosa” e “eficaz”

DesdeManuel María Sermos Galiza:
“(…) Non foi até as 13:48 h. cando o presidente da RAG comezou a rolda de prensa co esperado anuncio. Fíxoo despois de desculpar a tardanza no inicio da comparecencia. “A personalidade literaria á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2016, coincidindo co centenario das Irmandades da Fala, será Manuel María”, comezaba Alonso Montero, flanqueado polos membros numerarios que presentaron a proposta da candidatura, Margarida Ledo e Darío Xohán Cabana á esquerda, e Fina Casalderrey, Víctor Freixanes e Xosé Luís Regueira á dereita. Dos membros numerarios defensores de Manuel MaríaManuel Rivas faltaba na posterior rolda de prensa.
O presidente da Academia salientou que “calquera das tres persoas heteroxéneas –o propio Manuel María, Xela Arias e Carvalho Calero– serían dignas da condecoración”. “Dito isto, co máximo respecto, Manuel María é un dos poetas máis cantados da literatura galega, non tan cantado coma Rosalía, pero si coma Curros ou coma Celso Emilio”, sinalou. Neste sentido, puxo de manifesto a “eficacia” de Manuel María na sociedade galega, “e non só na escola”, e prognosticou que a súa elección “vai ser un triunfo para a Academia e para a normalización”. Este éxito prognosticado polo presidente da RAG contrasta coa polémica suscitada pola elección de Filgueira Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano en curso. Informou, para rematar, de que viña de comunicarlle a Saleta Goi, viúva de Manuel María, o resultado da votación.
Ás preguntas dos medios sobre o resultado das votacións, Monteagudo, entre o público que asistía á comparecencia -xunto con Luz Pozo, Bernardino Graña, Torres Queiruga e Ferro Ruibal- explicou que o nome do homenaxeado se dirimiu en segunda volta entre o propio Manuel María e Carvalho Calero, pois Xela Arias non pasou da primeira volta das votacións. Porén, malia llo preguntar xornalistas, os membros da Academia rexeitaron informar sobre o número de votos e tan só sinalaron que o homenaxeado gañara as votacións “cunha maioría moi ampla”.
A continuación, Margarita Ledo tomou a palabra para subliñar as distintas facetas de Manuel María “en todas as esferas”, nomeadamente como articulista de prensa en A Nosa Terra e en El Correo Gallego. Tamén fixo alusión ao festival Lúas de Outono que cada ano lembra o escritor e enxalzou o labor da Fundación Manuel María na catalogación e difusión da súa obra. “Manuel María, sempre moi querido, falaba da amizade como unha fror rara e marabillosa”, concluía Margarita Ledo. Fina Casalderrey, pola súa banda, expresou que a literatura infantil e xuvenil moito lle debe a Manuel María e destacou o “poder normalizador” da súa obra.
Víctor Freixanes, ao igual que Alonso Montero, fixo fincapé na eficacia “didáctica, pedagóxica e social” da elección de Manuel María como homenaxeado de 2016, “desde a música de María Manuela, pasando pola de Suso Vaamonde ou a de Fuxan os Ventos”. Pola súa banda, Darío Xohán Cabana quen ocupou a cadeira de Manuel María na Academia, cualificou o elixido como “poeta de vangarda”, sen esquecer o seu labor como autor de teatro que coñecía a dinámica da comunicación teatral. “É un xigante”, engadiu Darío Xohán Cabana, quen salientou a inmensa calidade da obra de Manuel María e a súa “superabundancia”. “A súa obra en conxunto é excelsa e abundante”, reiterou, para logo definilo como un “xornalista literario cunha obra inmensa”. Ao igual que Xosé Luís Regueira, sinalou que “vai ser un ano glorioso, pois Manuel María vai entrar en sitios onde a outros élles difícil entrar”. (…)”