Ledicia Costas gaña o Premio Lazarillo 2015 na modalidade de Creación Literaria

O Ledicia Costaspasado día 13 de novembro fallouse en Madrid o Premio Lazarillo 2015, na súa modalidade de creación literaria, convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, cunha dotación de 2500 euros, da que resultou gañadora Ledicia Costas coa obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante.
Este prestixioso galardón, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil, foi convocado polo extinguido Instituto Nacional del Libro Español no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e rapaces. Desde o ano 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo anualmente, nas modalidades de “Álbum Ilustrado” e “Creación literaria”,
O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI e por Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga, designados por cada unha das catro seccións territoriais da OEPLI. Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaría Técnica da OEPLI. O xurado destacou da obra gañadora: “Unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida e unha linguaxe literaria sinxela pero elaborada, que combina con precisión elementos da realidade e ficción e dándolle un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.