Morre Xosé Neira Vilas

DesdeXosé-Neira-Vilas-150x150 Sermos Galiza:
Xosé Neira Vilas (1928-2015), autor da obra máis vendida da historia da literatura galega, Memorias dun neno labrego, faleceu esta mañá na súa casa en Gres (Vila de Cruces). Tiña 87 anos. (…)
Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi un traballador incansable a prol da cultura e da lingua galega, tanto no exilio como de volta en Galiza. Na súa vida está escrita a historia de Galiza nos últimos 75 anos. Con 20 emigrou a Arxentina, onde abrazou a causa do nacionalismo e onde creou as Mocedades Galeguistas, das que foi secretario xeral, e fundou a editorial Follas Novas. Alí converteuse “nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza digamos até hoxe. De por vida”, declarou a Sermos nunha entrevista hai poucas semanas.
Logo de casar con Anisia Miranda, unha moza cubana de ascendencia galega, trasládase a Cuba, onde creou o maior centro bibliográfico sobre a emigración galega en América, ademais de organizar eventos e conferencias relacionadas coa cultura galega.
A parella regresou a Galiza definitivamente en 1992, cando a Xunta arranxa a súa casa natal e convértea en Fundación Neira Vilas, cunha biblioteca, un pequeno museo etnográfico e unha sala de exposicións e concertos, que pronto se converte no centro cultural da comarca.
Non deixou de escribir, dar conferencias e atender a todo o mundo que o precisaba até os últimos días da súa vida. Este mesmo ano publicou en Galaxia Romaría de historias.
Ultimamente estaba a escribir letras para cancións de varios artistas galegos. Saberemos del, da súa produción que seguirá o seu camiño, nos vindeiros meses.”