Xavier Queipo gaña o XXXIV Premio Blanco Amor de novela coa obra Os Kowa

Desde aXavier Queipo Deputación de Ourense:
“A XXXIV edición do premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor, que organiza a Deputación de Ourense, outorga o premio á obra Os Kowa, de Xavier Queipo. O ditame do xurado deuno a coñecer esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, acompañado polos membros do xurado Luís González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; Malores Villanueva, profesora, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas. (…)
Os Kowa é “unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, afirmou Malores Villanueva, secretaria do xurado. (…)
Luís González Tosar, como portavoz do xurado, destacou a gran satisfacción do xurado “pola participación e a calidade das obras presentadas”, e engadiu “agradecer á Deputación de Ourense por ter organizado o certame na presente edición”. (…)
A entrega do premio levarase a cabo nun acto literario que se celebrará o vindeiro 1 de decembro, data na que se cumpren 36 anos do pasamento de Blanco Amor. A xornada comezará cunha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor, no cemiterio de San Francisco, organizada polo Centro Pen de Galicia, e culminará coa entrega do premio.
No transcurso do debate do xurado para deliberar o ditame do premio coñeceuse a nova do falecemento do ilustre escritor Xosé Neira Vilas, polo que Luís González Tosar afirmou que a mellor maneira de honralo hoxe “é traballando como estabamos aquí, a prol da literatura de Galicia, pola que el loitou durante os seus 87 anos de vida”.”