Santiago Lamas e Alfonso Mato gañan o Ramón Piñeiro de ensaio

Desde2015122116581264026 Sermos Galiza:
“A obra De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo, da que son autores Alfonso Mato e Santiago Lamas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse o luns 21 de decembro, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta décimoquinta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o ano próximo, trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Na obra os autores desenvolven unha reflexión profunda e suxerente sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. O texto dialoga desde a actualidade cunha Galicia europea de inicios do século XX, mediante un estilo aberto e rico que, de xeito ameno, nos interroga sobre os grandes desafíos da Galicia de hoxe. (…)
O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Lourenzo Fernández Prieto, María López Sández, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, e salientou a calidade dos catro orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”