Os vellos non deben de namorarse, por primeira vez en versión para monicreques

DesdeFantoches Baj Os vellos Sermos Galiza:
“Pontevedra e Rianxo acollerán este próximo sábado a estrea en Galiza da que é a primeira versión para títeres da obra teatral Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.
A estrea da adaptación a marionetas de Os vellos non deben de namorarse presentouse a terza feira 26 de xaneiro no Museo de Pontevedra e os primeiros pases da representación, abertos a todos os públicos, terán lugar o sábado 30 de xaneiro ás 12 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o mesmo día, sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo. En ambos lugares da estrea a función será de balde. En Pontevedra as entradas convite poden retirarse xa calquera destes días pasando polo propio Sexto Edificio do Museo; e en Rianxo, as entradas convite poden retirarse desde unha hora antes do comezo da función, no propio Auditorio municipal.
Os vellos non deben de namorarse de Fantoches Baj está dirixida por Inacio Vilariño. Para deseñar os bonecos -tarefas da que se encargou o propio Inacio e o artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez “Luchi”- a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao. A partir desta semana, a obra estará en distribución co obxectivo de chegar ao público de todos os concellos de Galiza.”