Aurora Marco: “Hai que deter a ollada nas mulleres alén das grandes figuras”

EntrevistaAurora Marco de Olalla Rodil a Aurora Marco en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que podemos atopar en Elas?
– Aurora Marco (AM): Arredor de 410 mulleres que ao longo da historia deixaron pegada e contributos na sociedade da que fixeron parte. Comezo con Exeria, unha muller do século IV cuxo manuscrito, a modo de caderno de viaxes, foi descuberto no século XIX. Finalizou en 1975, foi a data límite que me marquei, porque marca un fito, pola morte do ditador, por se conmemorar o Ano das Mulleres, a emerxencia do movemento feminista… a partir dese momento a participación das mulleres aumentou notabelmente. A derradeira biografía é a dunha oleira de Gundivós.
– SG: Que criterio empregaches para as seleccionar?
– AM: Neste volume son todas as que están mais non están todas as que son. Até hoxe, nos meus traballos anteriores como o Dicionario de mulleres galegas (A Nosa Terra, 2007) todas tiñan a ver coa miña profesión, estaban relacionadas coas letras ou a educación. Elas tivo un carácter globalizador e recolle para alén daquelas que foron consideradas como relevantes, embora estas tamén teren presenza, como Rosalía de Castro ou Concepción Arenal. Porén, recolle aqueloutras mulleres anónimas, ignoradas mais que fixeron moito. Os meus obxectivos son sempre tres: coñecer, recoñecer, facer xustiza e homenaxear; valorizar o propio, polo que son todas mulleres galegas; e, alén das grandes figuras, deter a ollada en mulleres con grandes contributos noutros ámbitos. Isto foi algo que aprendín do meu profesor, mestre e amigo Ricardo Carvalho Calero. Estas mulleres foron abrindo un camiño polo que agora nós transitamos.
– SG: Recompilar información desas mulleres menos coñecidas supuxo un maior esforzo de pescuda, imaxino…
– AM: O volume de bibliografía multiplicouse. Consultei enciclopedias, historias locais, catálogos de exposicións… Todo canto libro caía nas miñas mans foi baleirado. Este é un traballo que comecei a finais dos ’80. Durante este tempo fun publicando outros traballos mais nunca pechei ningunha semblanza, volvo unha e outra vez sobre ese material. Como dicía Xoana Torres: “é que nada se entenderá de todo se antes non se volve ao punto de partida”. Tamén foron moi importantes as fontes orais, sobre todo cando se trataba de mulleres pertencentes a sectores da poboación que ficaron fóra do poder. (…)”