Xosé Ballesteros, novo presidente da Asociación Galega de Editoras

AAGEdirectiva Asociación Galega de Editoras (AGE) vén de renovar a súa xunta directiva. O novo presidente, Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, releva no cargo a Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, no remate do seu mandato.
A renovación produciuse no marco dunha asemblea extraordinaria celebrada en Santiago, e convocada con esa finalidade. A lista encabezada por Xosé Ballesteros foi a única candidatura presentada e resultou elixida por unanimidade. Previamente, a presidenta saínte fixo balance da xestión da súa executiva nos dous últimos anos, polo que recibiu o recoñecemento dos asistentes.
Canda Xosé Ballesteros, a actual dirección da AGE complétase con Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, como vicepresidente; Belén López, de Baía Edicións, como secretaria; María Xesús Gómez, de Editorial Rodeira, como tesoureira; e como vogais, Laura Rodríguez, de Hércules de Edicións, Fran Alonso, de Edicións Xerais, Xulio Amigo, da Editorial Galaxia, e Tomás González, de Urco Editora.
Trátase dunha directiva integradora que inclúe membros da anterior etapa e suma tamén novas incorporacións. Destaca ademais pola variedade das editoras representadas, tanto na súa procedencia xeográfica -Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo- como na temática das súas respectivas producións: literarias e xeralistas, libro de texto, grandes proxectos e literatura infantil-xuvenil.
OBXECTIVOS
O principal obxectivo do novo equipo é poñer en valor o papel das editoriais dentro do sector do libro galego, pola importancia que este ten na preservación do patrimonio cultural do país.
Outros retos que debe afrontar teñen que ver coa necesidade de que o libro galego incremente a súa cuota de mercado, que actualmente só acada o 17% no conxunto das vendas de libros en Galicia. Desenvolver novas estratexias de internacionalización figura, asimesmo, entre os propósitos iniciais desta xeira.
O grupo que preside Xosé Ballesteros aspira a abrir canles de interlocución con todos os colectivos que teñan que ver co libro, a lectura e a cultura en xeral, ademais de normalizar a relación existente coas Administracións públicas.
A partir dunha proposta da nova directiva, a asemblea da AGE aprobou mudar o nome da entidade, que pasa a denominarse Asociación Galega de Editoras.