Parlamento das Letras: Luís Valle

EntrevistaLuís Valle de Armando Requeixo a Luís Valle no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Luís Valle (LV): En primeiro lugar, o coñecemento que teño do tema non é exhaustivo, polo que estes comentarios teñen un valor bastante limitado. Ademais, habería que diferenciar a industria do libro en Galicia do sistema literario galego.
No caso do noso sistema literario, creo que falta pór en valor a obra dalgúns autores e autoras excepcionais que polos seus méritos deberían ter unha maior presenza no canon.
Pola banda da industria do libro, as principais eivas que vexo son o déficit de lectores; unha certa desconexión entre a vontade creativa das persoas que escribimos e os intereses estándar das persoas que len; así como unha relativa descoordinación, difícil de solucionar, que resta valor ao traballo individual de autores, editores, distribuidores e libreiros.
Como reflexión final diría que nas letras dun país como Galicia non sobra ninguén, só determinadas actitudes egoístas, carentes da autocrítica ou da perspectiva necesaria que tanto nos falta ás veces. Eu o primeiro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LV: Hai unha morea de autoras e autores de hoxe en día que escriben en galego e que me interesa ler. Iso xa é dicir algo, se temos en conta que para min o criterio á hora de seleccionar lecturas é fundamental. (…)”