Manuel Esteban, Iria Misa e David Pérez Iglesias, Premios Xerais 2016

“NaDavid Pérez Iglesias, Manuel Esteban e Iria Misa illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante».

Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias.
Premio Merlín de Literatura Infantil, 2016
O xurado da XXXI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 33 obras, formado por: Noelia Candal Suárez (bibliotecaria na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo), Marcos Viso (ilustrador), Amparo Ramilo Costas (libreira na librería Librouro de Vigo), Marta Neira Rodríguez (profesora da Escola Universitaria de maxisterio CEU de Vigo e da Facultade de CC da Educación da USC, membro da Red Temática de Investigación LIJMI), Mónica Fernández López (profesora e artista) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Os nomes», «Recollerás estrelas fugaces» e «Turrón».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Os nomes», que, despois de aberta a plica, resultou ser de David Pérez Iglesias e corresponde ao título Todo o tempo do mundo.
David Pérez Iglesias (Ames, 1962) é escritor, guionista e profesor de lingua e literatura no IES de Porto do Son. Como narrador publicou os libros O pergameo de Elir (1987); Estación Término (Xerais, 1993), premio de relato Cidade de Lugo; e Cando veña a noite (2005), premio Antón Avilés de Taramancos. Algúns dos seus relatos forman parte de obras colectivas como «Samago, Fascismo» de Tecendo Panos (2000), premio Manuel Murguía de narracións breves; «Mares do Sur» de Paisaxes e palabras (2001) e «Vidros» d’A garza insomne (2016). É responsable da canle de vídeo SonCine, traballo de innovación educativa polo que foi premiado pola Consellaría de Educación e a ASPG.
No seu ditame o xurado da XXXIª edición do Premio Merlín de literatura infantil sinalou: «Todo o tempo do mundo é unha novela realista, narrada en primeira persoa por unha moza preadolescente, aínda que na obra tamén existen outras voces de gran relevancia, tal é o caso da voz do avó Valente, un ancián pouco común cuxo nome anticipa o seu carácter.
Situada no século XXI, a historia narra a experiencia vital de Ariadna, que ve como o seu mundo na cidade se esborralla e como os seus referentes (o pai e a nai, os amigos, a casa…) van desaparecendo de xeito inesperado e paulatino sen que ela poida evitalo. Estes acontecementos obrígana a percorrer un longo camiño, tanto real como metafórico, cara a un lugar alleo para ela, a aldea onde naceu seu pai e onde aínda vive o seu avó. É este un percorrido vital, unha descuberta da terra dos seus, dos costumes do rural, das súas propias raíces nas que atopará un avó practicamente descoñecido que conseguirá que, nos vinte días que conviven, Ariadna se converta no enxerto que con forza prende na centenaria árbore familiar dándolle continuidade á estirpe.
O autor ou autora amósase bo coñecedor do léxico, da antropoloxía, da mitoloxía, das lendas e da cultura do rural galego. Describe con excelencia os costumes dos labregos e labregas que levantaron este país e aínda reclaman o valor da terra protexéndoa. Ese rural é reivindicado en cada páxina desta novela, en cada unha das súas liñas, trasladando o lectorado a un mundo que case nos resulta alleo e lonxincuo por non vivilo, por non practicalo, por non recordalo, por non mencionar eses nomes que bautizan cada ferrado de terra do noso país… mais que, hoxe en día, por diferentes motivos, se torna necesario coñecer.
Todo o tempo do mundo é unha novela que describe de qué estamos feitos, cómo se conforma a propia vida e onde, con quen, ou como ordenamos prioridades. Trátase dun relato que bebe de fontes clásicas universais (a mitoloxía clásica, por exemplo, está presente xa dende o propio nome da protagonista), ao tempo que se sitúa na liña de obras galegas que se achegaron ao tratamento do rural galego, como Memorias dun neno labrego (1961), novela xa clásica na Literatura Infantil e Xuvenil galega, de Xosé Neira Vilas, ou Tonecho de Rebordechao (2004), de Breogán Riveiro. Un relato que se achega ao mundo rural galego, en certo senso, dende unha ollada diferente ao que o lectorado está acostumado, dende unha ollada feminina, e que afonda nas relacións familiares e no abandono das mesmas.
É en definitiva, unha lectura das que, seguindo a C. S. Lewis, valería a pena ler aos dez e aos cincuenta anos, pois é sabido, aínda que non sempre recoñecido, que “a literatura infantil é aquela que tamén poden ler os nenos”. comentado, que só é un pequeno petisco do que se pode atopar na obra, os membros deste xurado recomendamos que todos e todas vos acheguedes a esta novela, tocáravos nacer neste século ou no pasado.»
David Pérez Iglesias confesou cando soubo que fora premiado que «unha nena que lía o Merlín de Cunqueiro o outro día díxome, cando lle preguntei se lle gustaba: que curriño é! Que a xenerosidade do xurado acordase que a noveliña Todo o tempo do mundo merecía o Merlín comprométeme tanto como me enche. Gustaríame que algunha meniña dixese algo así desta noveliña. Unha emoción que non puidese ser mercantilizada. Que durase nela esa sensación de gratitude».
«Un libro é un camiño. Desexar que o camiño non remate, que te acolla e chame polo mellor de ti. Verte ensarillado nos camiños que outros andaron. Repousar nas encrucilladas coas outras historias. Porque ese é o noso relato e a nosa herdanza. O que di que estivemos aquí, e que o noso estar aquí tivo desexo e sentido, que non nos acovardamos, que andamos o treito que tocou, e que o camiño segue despois de nós.»
«Se da man destas palabras algunha meniña á volta da escola, ou algún patrón canso, ou unha traballadora alertada polas inseguridades da vida, comparten a emoción do encontro coa terra, a valentía da infancia, a convicción do que é xusto, a dignidade da palabra, a aperta confiada do idioma que nos deron, a nobreza da necesidade, eu terei feito o meu labor.»
«Un premio non é algo co que quedas, é un legado que acolles para dar a alguén que, no silencio da escrita e da lectura, soña as palabras dun novo camiño, dun relato futuro que somos nós, que nos compromete e dá sentido aos días da xente de noso. Por deixarme coidar un tempo deste legado, o Merlín, estou agradecido, e tentarei estar a altura da encomenda.»
«Todo o Tempo do Mundo é unha novela sobre a perda e o descubrimento. Unha nena que volve á aldea dos seus pais, onde xa só vive un avó que apenas coñece. Unha aldea no límite da desaparición, ameazada polas canteiras e o despoboamento. Nela cada xesto cotián ten a reverberación do único, do esencial. Da man do seu avó Valente, Ariadna abre os ollos a un mundo que é por ultima vez e a unha maneira de camiñar pola vida que durará sempre.»

Xa non estou aquí de Iria Misa
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2016
O xurado da VIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 22 obras, formado por: María Navarro (profesora e crítica literaria), David González Domínguez (estudante de Filoloxía na USC.), Xosé Manuel Fernández Rodríguez (funcionario), Natalia Fernández Lorenzo (alumna de 4º da ESO no IES de Beade), Anxo Iglesias Núñez (alumno de 4º da ESO no IES Terra de Turonio de Gondomar) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Cinza do teu mar», «Murnios», «Ollares» e «P & L».
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Murnios», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iria Misa Peralba e corresponde ao título Xa non estou aquí.
Iria Misa Peralba Iria (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino de secundario. Xa estou aquí, premio Jules de Verne de literatura xuvenil 2016, será a súa primeira obra publicada.
No seu ditame, o xurado da VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte: «Ánxela, a protagonista de Xa non estou aquí, é unha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais e que se enfronta aos conflitos de personalidade propios da súa idade. Dende o comezo da novela comparte directamente cos lectores e lectoras os seus desacougos, os seus medos, as súas inseguridades, pero tamén os seus ideais e as súas ilusións. Fainos tamén testemuñas da fría despedida que lles dirixe aos seus familiares, que a buscan con desesperación.
A vida de Ánxela sofre un cambio rotundo cando, a comezo de curso, meses antes da desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala no grupo de rapaces coñecidos como os Murnios, de aparencia gótica e hábitos totalmente diferentes ao resto de compañeiros. Fascinada pola acollida destas novas amizades que ela consideraba fóra do seu alcance, Ánxela descubrirá o mundo das drogas e aceptará asumir as normas escritas do grupo, nas que se avoga pola busca do pracer polo pracer, obviando calquera tipo de consideración moral.
As arriscadas probas a que os Murnios se autosometen decontino na procura de experiencias vitais extremas que os satisfagan, crean momentos de incerteza na feble personalidade de Ánxela, afectada pola incomprensión da súa familia e polo abandono intensamente doloroso da súa parella. Pero sempre vence a necesidade de sentirse admitida e valorada nun momento difícil para ela, polo que recuncará, se cadra con maior ousadía, na súa relación cos Murnios.
A novela estrutúrase en dous tipos de narradores que se alternan diferenciados por capítulos: por un lado están as escenas narradas en primeira persoa, onde se insiren demandas de atención ás persoas lectoras, e nas que Ánxela describe a historia que lle sucede dende o día en que comeza o curso contándonos todos os detalles da súa relación coa familia e, especialmente, cos Murnios. Por outra banda, o relato complétase cunha narración fundamentalmente resolta en estilo indirecto libre adoptando o punto de vista de cada unha das persoas que a rodean, dende os seus familiares máis achegados ata aqueles mozos e mozas que tiveron relación con ela antes da desaparición e que en moitos casos son interrogados pola policía, que intenta descubrir o paradoiro da rapaza. Esta narración comeza o día en que Ánxela desaparece e irá pouco a pouco confluíndo no tempo co relato máis demorado da protagonista da novela.»
Iria Misa confesou cando soubo que fora premiada que «foi durante os anos de formación académica cando comezou o meu interese pola literatura e tamén a miña arela por escribir, aínda que non me dediquei completamente en serio á escrita ata anos máis tarde. Recibir este premio significa para min a confirmación de que todas as horas que lle quitei ao ocio ou ao estudo para darlle forma ás miñas historias pagaron a pena. Un impulso para deixar os medos e os reparos atrás e un pulo enorme para continuar creando historias».
«Xa non estou aquí será a miña primeira obra publicada. É unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade… A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes. É unha novela coral onde quixen traballar o multiperspectivismo e así poñer de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.»

A ira dos mansos de Manuel Esteban Domínguez.
Premio Xerais de Novela 2016
O xurado da XXXIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 34 obras, formado por: Mercedes Corbillón (libreira. Librerías Cronopios de Santiago e Pontevedra), Concha Martínez Mayo (editora), Marta Gómez González (xornalista do programa Zigzag da TVG), Irene Penas Murias (editora), Almudena López Rodríguez (axente de viaxes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentados cos lemas «Avó», «Comasio» e «Myttin da».
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Comasio» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Manuel Esteban Domínguez e corresponde ao título A ira dos mansos.
Manuel Esteban Domínguez (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de Formación Profesional. Actualmente é secretario do Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down e foi durante oito anos vicepresidente de Downvigo.
No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela sinalou o seguinte: «O cadáver dunha nena aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. A partir de aí, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional para resolver o crime.
A ira dos mansos é unha novela negra cun acusado enfoque social, que supón, para o protagonista e para as persoas que a lemos, unha viaxe de superación de moitos prexuízos. Cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión, as palabras das súas páxinas derruban as barreiras emocionais do personaxe principal. O inspector Carlos Manso móvese con facilidade por unha cidade, Vigo, cuns escenarios que tamén protagonizan, en pé de igualdade, a novela.
A ira dos mansos está escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, con moito sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e cunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down. En definitiva, A ira dos mansos é unha novela negra cunha trama trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto.»
Manuel Esteban Domínguez declarou cando coñeceu que fora premiado que A ira dos mansos xorde coma unha necesidade terapéutica, unha catarse obrigada tras o nacemento do meu fillo maior. Nunca o tomei coma un exercicio literario senón coma un berro de impotencia, a necesidade de compartir un intenso sentimento de inxustiza. O inspector Manso é, polo tanto, un trasunto desa anguria, porque no xénero da novela negra, esa fronteira na que os matices morais cobran importancia, resalta mellor o contraste entre unha sociedade desmedida e un colectivo, o dos discapacitados intelectuais, considerado erradamente como enfermo ou retrasado».

Intervención de Manuel Bragado
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada pola Consellaría de Cultura e Educación e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios 2016. Agradeceu o traballo das persoas do xurado e parabenizou á gañadora e gañadores que expresan o dinamismo e a vontade de renovación constante da literatura galega.

Redondela, 4 de xuño de 2016″