Sobre Camilo, por Suso de Toro

DesdeCamilo Nogueira Sermos Galiza:
Reproducimos a seguir o discurso de laudatio que pronunciou o escritor Suso de Toro durante o acto de entrega a Camilo Nogueira do Premio Trasalba, recoñecimento que institúe a Fundación Otero Pedrayo.
(…) Non acredito no pupilato de mestre ningún, mais acredito no maxisterio. Cada quen debe procurar onde achar o maxisterio que precise e logo mirar de recibilo a certa distancia, ter sempre unha reserva para garantir a liberdade de criterio. Precisamente o maxisterio máis proveitoso, o que nos fai libres é o que se recebe de quen vive o seu destino libremente, sen ollar para as costas e sen pretensión de ter pupilos. Por iso digo con naturalidade que considero a Camilo Nogueira o meu mestre para cousas fundamentais, e mais digo tamén que é mestre para min pola admiración que libremente lle teño. (…)
Mais como debo explicar o motivo e os fundamentos deste recoñecemento que se lle fai hoxe aquí, teño que precisar que esas capacidades o rapaz do barrio vigués do Calvario púxoas de modo absoluto ao servizo dun soño chamado “Galiza”, máis concreto, “a nación galega”. Unha nación que pode ser interpretada de moitas maneiras mais tan fecunda, ancha e real que nela poderían convivir e conviviron aquel don Ramón Otero Pedrayo, a quen coñecimos como o oficiante dun vello rito aveso, co fillo daquel Camilo Nogueira Martínez, o escultor do agrarismo e o galeguismo e dirixente do Partido Galeguista vigués. Otero ofrecíanos unha visión persoal e sentida dun pasado tan real como imaxinado, os Nogueira ofrecían e ofrecen a continuidade xeracional dun futuro posíbel. O galeguismo cara atrás e cara adiante. E no caso do noso Camilo, ao soño nacional hai que lle sumar a utopía da esquerda. O galeguismo é unha forza creadora de realidades diversas.
Hai quen crea realidades históricas a través da capacidade destrutora da guerra e quen crea a través da paz, o Camilo é desta xente. É da xente que inventa técnicas e tecnoloxías que cambian a vida, da xente que agrupa e organiza as capacidades económicas, da que crea organizacións sociais para avanzar, da que analiza o que ten diante e ofrece solucións, da que fai todo iso alimentada por un soño utópico….
Camilo por natureza é un intelectual, aínda que a súa figura non encaixe nunha cultura modelada polo academicismo borbónico e campe fóra de calquera linde. O seu campo é o pensamento, mais non é un pensamento estático que dea voltas sobre si mesmo, senón que se dirixe a realidade que o rodea para transformala. (…)”