Eulalia Agrelo: “Agustín Fernández Paz foi unha persoa nobre, clara e de conviccións transparentes”

EntrevistaEulalia Agrelo a Eulalia Agrelo en Sermos Galiza:
“Emocionada. Así colle o teléfono Eulalia Agrelo, autora da tese doutoral Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz. “Foron moitas horas de traballo, de convivencia persoal”, lembra. Durante a conversa véñenlle á cabeza “imaxes, recordos” do partillado co escritor mais tamén coa persoa. “É un día ben triste para todos, para quen o coñecía persoalmente como para quen o coñecía polas súas obras”. O seu alumnado, pois Eulalia Agrelo é ensinante, “chamoume” para lembrar Agustín no día do seu pasamento.
Tras do nome, da sinatura e da escrita había unha persoa “moi humana” e inmensamente comprometida coa lingua e co país. Un “mestre” como lembraron centos, milleiros de persoas no día de hoxe através das redes sociais. Mais por riba de todo, un autor que deixa un ronsel de obras para ler e reler. “Agustín facía lectores”, asegura Eulalia Agrelo. Unha “meta”, subliña, para calquera persoa que traballe a escrita.
– Sermos Galiza (SG): Como era o Agustín Fernández Paz escritor?
– Eulalia Agrelo (EA): Para comprendelo temos que facer referencia a moitos elementos. Foi renovador en dous sentidos. Dunha banda, recuperou matices da literatura infantil e xuvenil e soubo darlles unha volta. Ao mesmo tempo, incorporou outros novos como o tratamento da marxinalidade ou a memoria histórica. Salientábel é o tratamento que facía das personaxes, sobre todo femininas, pondo as mulleres como protagonistas activas, que se rebelan e descobren como loitadoras defendendo o seu xeito de ser. Mulleres silenciadas no eido escolar mais tamén no conxunto da sociedade. Agustín soubo traballar coas distintas fariñas literarias, facer collages con distintos tipos de texto incorporando cartas, novas dos xornais ou mesmo anuncios por palabras. Un dos aspectos máis fascinantes da súa obra é que cando a les abre camiño a outras moitas obras e a coñecer o contexto sociocultural galego que está sempre no fondo dela. É un espello no que deberían verse moitos escritores.
– SG: Ti pasaches moitas horas con el para faceres a tese, como era o Agustín no plano humano?
– EA: É unha persoa fascinante como o é a súa literatura. Unha persoa moi próxima que sabía escoitar e aconsellar sempre con espírito crítico e construtivo. Nos últimos anos mantivo unha crítica moi aceda cara á política lingüística do goberno galego. Era unha persoa moi humana que realmente cría e estivo comprometido con Galiza até o último momento. (…)
– SG: Era un escritor incansábel?
– EA: Nunca atopaba a perfección na súa obra. Estaba sempre a reconstruíla a re-escribila. Sempre que re-editou aproveitou para mellorala e lograr unha mellor escrita, unha prosa máis lixeira, máis melódica coa que acadar a vontade do leitor. Cando un le a Agustín desenvolve a capacidade de ulir, de ouvir e de tocar o que está a narrar. É unha prosa sedutora. De aí que teña unha lexión de leitores e acadase o recoñecemento através dos premios e as traducións. Mais para el os premios, dicía, eran bons por suporen un impulso para a nosa literatura e dar visibilidade e valorización á nosa cultura. Agustín foi, sen dúbida, un motor cultural por facer leitores e por facer país.
– SG: E fíxoo nun xénero como o infantil e xuvenil, moitas veces minusvalorado.
– EA: Sempre estivo comprometido coa visibilización da literatura infantil e xuvenil cando este xénero estivo moi desprestixiado. Ora ben, sempre dicía que as súas obras poden ser lidas por calquera lector porque tiñan distintas lecturas.”