Faleceu Fernando Acuña Castroviejo

A AELG lamenta fernando-acuna-castroviejo-universidade-de-vigo o pasamento do seu socio Fernando Acuña Castroviejo.
Desde Historia de Galicia:
“(…) Este martes é un día triste para o mundo do patrimonio galego porque perde a un dos seus pioneiros, Fernando Acuña Castroviejo.
O catedrático, nado en Santiago de Compostela en 1945 era un destacado experto en arqueoloxía romana, foi un dos fundadores do Museo do Pobo Galego e era vicepresidente do seu padroado.
Ao longo da súa carreira, dirixiu diferentes escavacións, como as do xacemento das Torres do Oeste (Catoira), o castro de Neixón (A Coruña) ou Castro Real (Boimorto). Ademais, o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela pertencía a numerosas sociedades científicas e era académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes.
Castroviejo era, ademais, membro correspondente da Real Academia Galega desde xaneiro de 1972. Por iso, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, expresou xa o pesar da institución polo falecemento de Acuña Castroviejo, de quen lembra a boa disposición que sempre amosou para colaborar coa Academia e os seus comezos como arqueólogo na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento.
“Xa nas súas primeiras investigacións arqueolóxicas, cando era moi novo, amosa unha gran personalidade. Neste eido e daquela está baixo o influxo dun grande investigador e mestre, Fermín Bouza Brey, que desde o Instituto Padre Sarmiento orienta un fecundo equipo de investigadores novos en arqueoloxía e antropoloxía (o propio Fernando Acuña Castroviejo, Xosé Manuel González Reboredo, Carlos García Martínez…)”, apuntou.
A capela ardente de Fernando Acuña instalouse no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O funeral será este mércores, 14 de setembro, ás 12:00 horas, en Santo André de Trobe, en Vedra.”

NOTA: a foto provén da Universidade de Vigo.