Teatro nacional e literatura dramática, por Afonso Becerra de Becerreá

Artigobannerixornadalitdramaelg2016 de Afonso Becerra de Becerreá no blog sobre teatro O Galiñeiro, en Praza:
“Este sábado, 5 de novembro de 2016, inauguramos a Sección de Literatura Dramática da AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega), coa celebración de dúas actividades que non teñen un carácter só simbólico-representativo, senón, sobre todo, útil.
Esta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, titulada “LITERATURA DRAMÁTICA E TEATRO NACIONAL” propón dúas actividades, unha de mañá e outra de tarde, que poidan ser de utilidade para as dramaturgas/os, para as estudosas e estudosos das artes escénicas contemporáneas e para calquera persoa con inquedanzas artísticas e culturais.

image

Desde a AELG consideramos que o xénero da literatura dramática, aqueles textos con valores literarios e dramáticos, é fundamental para un sistema literario e cultural san, cun desenvolvemento pleno.
Desde a AELG cobramos conciencia de que a literatura dramática en lingua galega é unha descoñecida, unha ausente, na vida cultural de Galiza e, por extensión, do resto do mundo.
Entón, malia que as comparacións poidan non seren correctas, miramos para outros sistemas literarios e culturais veciños, como o catalán, e observamos que a súa literatura dramática actual se edita, se estuda, se escenifica, se traduce e ten unha incidencia moi considerable na sociedade.
Entón, preguntámonos que acontece en Galiza. ¿Non hai obras de literatura dramática, na historia da literatura galega, dignas de circular polo imaxinario colectivo e polos palcos, como acontece, por exemplo coas obras de Federico García Lorca ou de William Shakespeare?
¿Non hai dramaturgas e dramaturgos, na actualidade, que escriban textos que poidamos mercar nunha libraría para gozar da súa lectura ou para que unha compañía teatral orquestre un espectáculo co que poidamos desfrutar?
¿Non hai textos dramáticos galegos que se poidan traducir e que se poidan ver representados no Teatro San Martín de Bos Aires ou nunha sala de teatro de calquera cidade europea, como acontece, por exemplo, con O principio de Arquimedes, de Josep Maria Miró Coromina?
¿Que nos falta?
¿Que nos sobra?
¿Que podemos ou debemos facer?

image

Quizais, o primeiro que podemos e debemos facer é xuntarnos, as persoas interesadas neste ámbito, os axentes culturais, e analizar a situación para deseñar algún plan, algunha acción, algún paso que poidamos dar.
Con esta finalidade organizamos a actividade da mañá, unha reunión-asemblea, ás 12 h. no Quiosco Afonso da Coruña, este sábado día 5 de novembro, para analizar a situación e intentar trazar algún plan, deseñar algunha acción que poidamos comprometernos a desenvolver. Isto implica, unirse, buscar o mínimo común múltiplo para iso, para multiplicar as forzas e para emprender cambios que saquen a literatura dramática galega desa ausencia, dese “ninguneo” tan nocivo para un sistema literario e cultural que se queira pleno, diverso, rico.
Porén, a xoves 3 de novembro, infórmanme da secretaría técnica da AELG que só se apuntaron 4 persoas a esta reunión-asemblea. Quizais veñan máis. No entanto, os números cantan e, directa ou indirectamente, tamén responden as preguntas anteriores.
Se a literatura dramática galega é, practicamente, inexistente, ou un subproduto, é porque as persoas que deberan estar máis interesadas nese ámbito, as propias dramaturgas e dramaturgos, as xentes do teatro e do sector cultural, teñen outras prioridades ou están moi ocupadas/os noutros asuntos (quizais en sobrevivir con outros traballos).
De todas as persoas implicadas no ámbito da literatura e das artes escénicas, dos estudos académicos e da crítica, só catro persoas apuntadas, dous días antes desa actividade, podería tomarse como síntoma ou como indicio de algo a estudar.
¿Minifundio cultural (cadaquén traballando illadamente)?
¿Desinterese na proposta de xuntanza para analizar e emprender accións?
¿Que cadre mal o día e a hora ao 99,9 % das persoas que poderían acudir, porque teñan outros compromisos?
¿Que o compromiso con este tema sexa menos importante ou relevante para esas persoas que os outros compromisos laborais, familiares, lúdicos, etc?
En fin, as hipóteses poden ser varias e todas elas, sen dúbida, inciden no estado da cuestión e, por extensión, o caso é que en 2016, en Galiza, a literatura dramática galega non conta e o teatro galego segue en situación de excepción.

image

(Fragmento da entrevista realizada por Aída Pallarès a Xavier Albertí, o 15.09.2014, no diari digital de cultura NÚVOL. L’Apuntador. “Xavier Albertí: Vam oblidar el pes de la tradició i encara ho paguem ara”)

image

Pola tarde, ás 18 h., no mesmo espazo, no Quiosco Afonso da Coruña, deste sábado 5 de novembro, temos a segunda actividade: unha clase maxistral dun dos artistas máis senlleiros do teatro catalán, XAVIER ALBERTÍ, director artístico do Teatre Nacional de Catalunya (TNC).
Xavier Albertí vainos falar de “O PROXECTO ARTÍSTICO DUN TEATRO NACIONAL NUNHA NACIÓN SEN ESTADO E O PAPEL DA LITERATURA DRAMÁTICA NESE PROXECTO”.
Cando falamos de teatro galego ou, máis en concreto, de literatura dramática galega, ¿a que nos estamos a referir? Hai conceptos complexos e moi contaminados historicamente, difíciles de definir, entre eles “nación”, “nacional”, “galego”, “identidade”, “cultura”… Máis aínda cando nos referimos a unha cultura e a un teatro que non posúen un Estado propio e que deben desenvolverse dentro dun panorama no que o global, ás veces, máis que enriquecer, borra, elimina, substitúe, o local, o autóctono.
Sobre isto e sobre outros aspectos máis específicos teremos a oportunidade de reflexionar e de aprender grazas á experiencia e a sabedoría de Xavier Albertí.
Ademais, tamén vai ser unha boa oportunidade para establecer pontes, de comunicación e, quizais, de colaboración, coa principal institución do teatro catalán, representada polo seu director artístico.

image

Oxalá esta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, financiada polo Concello da Coruña, poida ser útil non só para catro persoas e, xa que vai estar financiada con cartos públicos, nun espazo público, poida ser aproveitada por un amplo colectivo e poida dar froitos nun futuro próximo, colaborando a cambiar esta situación precaria na que se atopa a literatura dramática e, por extensión, o teatro galego.”