Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño, premios de literatura dramática da Agadic

Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”