Casas literarias: Xosé Neira Vilas

fundacion-xose-neira-vilas-casa-do-romanoDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Xosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.
Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen. (…)
En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga unha pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.
De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora un ano.”