A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra

Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”