Henrique Rabuñal: “O escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito”

Entrevista a Henrique Rabuñal en Suma Ágora:
“(…) – Suma Ágora (SA): Hai algunha faceta na que ti te sintas máis cómodo?
– Henrique Rabuñal (HR): A verdade é que me sinto cómodo en moitas, pero especialmente na da poesía. Nunca deixei de escribir poesía e considéroa a como unha necesidade case desta sociedade. Ás veces comento cos alumnos, que teñen unha visión da poesía como algo que non vai con eles, que non é do seu tempo, que non di cousas que teñan que ver con eles e dígolles eu, que equivocados estades porque a poesía, como tantas cousas da literatura e da cultura, están moi pendentes do que nos pasa aos seres humanos.
– SA: E ti en que te inspiras para escribir?
– HR: Eu creo que en todo proceso de creación na escrita hai dous momentos ou dúas vertentes. A que ten que ver contigo, e eu moitas veces penso que o escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito, exhibe a súa intimidade, os seus dramas, os seus problemas. Todo ese mundo interior está en xeral no traballo literario e tamén no traballo poético. Por exemplo, a morte de meu pai suscitoume escrita e reflexión, a miña familia, a vida amorosa, a relación coas claves infantís, coa paisaxe, a interacción coa cidade. Eu son unha persoa moi preocupada pola cidade, escribín unha pequena historia da Coruña, A Coruña na historia, porque me interesa moito a vida institucional pero tamén esa intrahistoria. Entón dicía, por un lado esa viaxe cara dentro, pero despois obviamente na historia da literatura e da arte en xeral hai que estar moi atentos ao que acontece ao teu arredor, ás persoas que conviven contigo. Eu tamén intento introducir na miña literatura o que poderíamos chamar en xeral a temática social, as guerras, temas que teñen que ver tamén coa identidade e a lingua propia. (…)
– SA: Entón, cal á a túa visión da produción literaria en lingua galega na actualidade?
– HR: Eu creo que chegamos a uns niveis de excelencia impensables. Non quero facer comparacións porque son moi perigosas, pero eu que coñezo ben a literatura galega do XIX, da primeira parte do XX, digamos os clásicos da literatura galega e agora penso nalgunhas figuras, algunhas que xa non están con nós como podía ser Agustín Fernández Paz ou outras que si están, incluso de xente máis nova, e digo que novelística temos en galego máis impresionante! De calidade, de variedade, de todos os rexistros, para todos os públicos, todos os temas, incluso moitas cousas que están de moda no mundo foron anunciados ou foron xa cultivados na literatura galega. Sobre todo na narrativa, pero na poesía tamén hai unha renovación permanente. E no teatro, pasa como case sempre, hai moitos problemas para ser editado e nótanse os recortes que houbo no número de compañías e actrices, actores e outros técnicos do teatro o están pasando mal. Tamén houbo unha redución drástica dos medios de comunicación en galego, aínda que naceron marabillas como a Revista Luzes ou Tempos Novos. Entón a miña é unha visión de que estamos na excelencia e tal vez, como dicía un amigo meu, nunca tanto se leu a pesar de que se di que se le pouco, pero claro, no ano 1950 líase moitísimo menos e no 75 moitísimo menos. Entón nese sentido algo de esperanza teño, a pesar de que onte lía un traballo dun sociolingüista da Universidade da Coruña que dicía que os nenos das cidades galegas cada vez viven máis alleos á lingua galega. (…)”