Víctor F. Freixanes, elixido novo presidente da Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega (foto: RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, reunido o 28 de marzo en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura á Presidencia da institución de Víctor Fernández Freixanes. O académico obtivo a maioría necesaria para saír elixido, con 18 votos a favor e 1 en contra.
No mandato que inicia, o décimo quinto presidente da institución estará acompañado por unha comisión executiva integrada por Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga, que continúan como secretario e vicesecretario, e Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que ocuparán os cargos de tesoureira e arquiveira-bibliotecaria, respectivamente, desempeñados na executiva anterior por Rosario Álvarez e Margarita Ledo Andión. Mantense así a mesma proporción feminina, unha cuestión non menor, apuntou o novo presidente ante o Pleno no seu discurso, no que salientou que a RAG debe fomentar a incorporación de máis mulleres.
A candidatura de Víctor F. Freixanes, a única formalizada para optar á Presidencia, fora rexistrada o pasado venres, 24 de marzo, subscrita por Margarita Ledo Andión, Antón Santamarina e o seu predecesor na Presidencia, Xesús Alonso Montero, para quen tivo palabras de especial recoñecemento.
A executiva entrante márcase dúas grandes liñas de traballo, unha de carácter interno e outra centrada na proxección social da Academia. Canto á primeira, Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de manter un “clima de transparencia interna” para superar unha “etapa delicada”. Nesta liña, comprometeuse a “facer todo o esforzo posible para avanzar no camiño do encontro, na construción dese clima necesario para podermos compartir os proxectos de futuro, considerando a lexítima discrepancia unha riqueza”.
No tocante á proxección cara á sociedade, salientou que a RAG debe atender, de acordo cos seus propios estatutos, dúas dimensións principais: a do estudo da lingua, mantendo o “servizo á cidadanía” fornecéndoa de recursos, determinacións e traballos a prol do coñecemento e uso normalizado do idioma; e a dimensión da dinamización social, “levando a causa do idioma galego, a súa práctica e a súa estima a todos os estamentos sociais e a todos os ámbitos xeracionais”. (…)”