Eva F. Ferreira: “O teatro hai que escribilo desde a epiderme, desde a carne. Sóbranos logocentrismo”

Entrevista de Montse Dopico a Eva F. Ferreira en Praza:
“Di o crítico Afonso Becerra que o seu é pura “poesía visual”. Que é un dos nomes máis salientables do posdrama galego, sexa iso o que sexa. E algo diso debe haber. Eva F. Ferreira é unha dramaturga de poucas aparicións no centro, no miolo, onde facer cultura dá algo máis de visibilidade. Pero sempre está aí. Coas súas colaboracións en distintas publicacións, como Casahamlet, a casa na que comezou a darse a coñecer. Quedara varias veces finalista do premio de teatro radiofónico do Diario Cultural. E vén de gañalo, por segunda vez. Ten claro o que quere. Fala de desigualde de xénero, ou de clase. De exceso de ruído. De indiferenza. Dun teatro que é entraña, pel, carne. Apegado ao corpo. Á vida. Falamos con ela para repasar a súa obra.
– Praza: Es dramaturga, directora, filóloga, docente, titulada en arte dramática… Que veu primeiro e que despois?
– Eva F. Ferreira: Primeiro fixen Filoloxía Inglesa en Compostela. Despois empecei o doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Daquela eu ía moito ao teatro, andaba con xente que escribía… e fun a un obradoiro de escrita con Manuel Lourenzo. Comezara a investigar con moita ilusión -interesábanme os cruzamentos entre literatura e cinema-, pero decateime de que a da Universidade era unha perspectiva moi teórica, e deixou de interesarme.
Despois matriculeime na Escola de Arte Dramática de Vigo…, e empecei a escribir. Naquela altura chamáronme para que escribise en Casahamlet… E así foi. Cando comezou o premio de teatro radiofónico do Diario Cultural pareceume moi interesante e decidín presentarme… Quedei de finalista varias veces, despois escribín outras pezas para os Cadernos Laiovento, para a revista Núa, para a Revista Galega de Teatro…
Despois marchei para Monforte e desde hai uns meses estou en Sober. Dediqueime a traballar no que puiden, á docencia, a facer unha curtametraxe… e a coidar de Breixo… Fixen tamén algúns textos a partir de fotos de Iván Merayo… e o ano pasado volvín escribir, para presentarme outra vez ao premio do Diario Cultural. Para min, todo o que fago son textos, non distingo os escénicos dos non escénicos. (…)”