Vigo: A memoria dos pioneiros: Os nenos da varíola, conferencia de María Solar, actividade ligada a Inspiraciencia

Inspiraciencia é máis que un concurso: como todos os anos, organiza e propón varias actividades paralelas para afondar as interaccións múltiples entre a ciencia e a literatura, como o ciclo de conferencias Elementos da química na literatura, que quere escoitar algunhas das voces que falaron de química do campo literario. Ademais, propóñense outras actividades e formatos de exploración das relaciones entre ciencia e literatura. Destacamos:

A memoria dos pioneiros: Os nenos da varíola
María Solar. Bióloga, xornalista e autora do libro

27 de abril, ás 19:00, no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Rúa Joaquín Yáñez, 6. Vigo, Pontevedra
En 1980 a OMS declarou o planeta Terra libre de varíola, unha enfermedade terrible que matou e marcou durante séculos a millóns de persoas en todos os continentes. Era a primeira victoria absoluta dos humanos sobre un virus. Unha vacina rematara por primeira vez, e única polo momento, cunha enfermidade. Esa victoria comezouse fraguar a finais do século XVIII coa invención da mesma, e a comezos do XIX coa primeira expedición para implantala como método sanitario. En 1803 a Expedición filantrópica da vacina sufragada pola Real Facenda Española, amparada polo monarca Carlos IV e dirixida polo médico real Francisco Xavier Balmis, partía do porto da Coruña na corveta María Pita. A bordo o equipo médico da Expedición, a reitora da casa de expósitos da Coruña, Isabel Zendal e 22 nenos orfos que servirían para portar a vacina ata a América, “brazo a brazo” a través dunha cadea de vacinacions. No porto, outro médico pioneiro e ilustrado despedía ao barco, o doutor Posse Roybanes.
A participación española nesta gran xesta médica segue a ser esquecida polos libros de texto e non é  o referente histórico e médico que debera. A literatura, unha vez máis serve para poñer carne, pel e sentimentos a cada un dos implicados, para facernos vivir e sentir aquela odisea e entender que tras ela algo importante cambiou no mundo.