Ponte Nova de Vilaúde (Mor-Alfoz): Ponte Literaria 2017

O xoves 20 de xullo, a partir das 18:00 horas, no espazo de lecer da Ponte Nova de Vilaúde (Mor-Alfoz), nas inmediacións do Restaurante O Frenazo, terá lugar unha nova edición da Ponte Literaria, que chega ás terras do río Douro, desta volta mudando de localización. Desde o verán de 2015 (ano de nacemento desta experiencia literaria), os encontros viñan celebrándose na Ponte Vella de Frexulfe, mais desta volta, a cita terá lugar na Ponte Nova de Vilaúde, a escasos metros do Restaurante O Frenazo.
Neste espazo de lecer situado ás beiras do Douro, varios escritores lerán publicamente as súas creacións, baixo a atención doutros narradores, poetas, dramaturgos e articulistas, quen achegarán as súas apreciacións e opinións no coloquio programado ao remate das lecturas.
Participación activa
Quen desexe participar activamente, deberá levar un texto da súa autoría; é indiferente o xénero. O tempo máximo para cada lectura será de 15 minutos.
Aínda que non é indispensábel, a organización agradece que os participantes se anoten previamente no 600378363 (tamén Whatsapp)
Doazón espontánea
Como en cada edición, a organización desexa que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfacer de todos aqueles libros que lles sobren na casa; para, deste xeito, continuar a pór en práctica as doazóns espontáneas iniciadas o pasado verán. Trátase de facer circular os exemplares que xa non desexamos gardar, para que outros participantes gocen deles.
Organizadores
Como cada verán, os organizadores da Ponte Literaria son: Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.

Comisión Organizadora da PONTE LITERARIA

*A Ponte Literaria é un colectivo formado hai dous anos por persoas vinculadas á literatura ou ao activismo cultural; desenvolve as súas lecturas e coloquios sempre a carón de pontes, e naceu para compartir e difundir o valor cultural da literatura.