“Chegou a “novísima” poesía galega?”, por Montse Dopico

Artigo de Montse Dopico en Praza:
“”Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.
Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade” ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.
No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”. (…)”