O sol dentro da cabeza. Presentación en Lobios”

Desde a páxina web de Suso Díaz:
“O pasado 4 de agosto presentábase por primeira vez o meu libro O sol dentro da cabeza que publicou Edicións Laiovento, na colección de poesía Vento Alto. (…)
Xoán Carlos Domínguez Alberte agasallounos cunha presentación que me emocionou, e que comparto aquí co seu permiso. Só podo dicir, GRAZAS, grazas irmán. (…)
O libro que agora presentamos, O sol dentro da cabeza, vai acompañado dun aclarador subtítulo que di así: 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares.
Sabido de todos e todas é que o escritor orixinario de Xinzo de Limia é a figura en quen se comemoran as Letras Galegas este ano. E convén lembrar isto agora, a 4 de agosto, porque o sentido desta celebración non é o de ‘pasou o día e pasou a romaría’ –en referencia ao 17 de maio–, senón de afirmación e cultivo da nosa lingua ao longo de todo o ano.
A través deste libro, entón, Suso Díaz realiza un exercicio de creación e recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados, unha e outra vez, polo autor limiao.
O diálogo coa tradición é unha fecunda práctica que, no noso caso, se remonta xa aos albores da literatura galega contemporánea. Pois non se esqueza que os Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, establecen un vivo diálogo con toda a cultura popular. (…)”