Ledicia Costas reivindica en A señorita Bubble o papel da muller na ciencia

Artigo de Xesús Fraga sobre o novo libro de Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.
A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.
Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos. (…)”