Emma Pedreira: “As galegas levamos a retranca na cana do óso desde a prehistoria”

Entrevista a Emma Pedreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Bibliópatas e fobólogos é un libro que fala de libros. Os libros como xeito de explicar a existencia. É quizais ese o principal valor da literatura?
– Emma Pedreira (EP): Se nos poñemos filólogas, debería botar man do aprendido na carreira e dicir que a literatura está feita para aquilo do docere et delectare (ensinar e deleitar), algo que sigo ao pé da letra en todo o que busco, como lectora e como escritora. Pero a literatura e a súa función dependen de moitas máis cousas; do momento, da formación, da facultade de espellar, das expectativas (e falo sempre tendo en conta a biface persoa lectora/persoa escritora). Se nalgún momento da vida a literatura puido ensinarme a aprenderme, agora abonda con que me satisfaga nos máis primarios sentidos. Sexa no momento que sexa ou desde o recanto vital que for, para min os libros sempre son e serán fascinantes.
– B: Neste volume optou por intercalar o formato curto co moi curto. Non sei se se sente cómoda con etiquetas como micronarrativa.
– EP: Eu síntome cómoda escribindo. Punto. Non escollo abeirarme a ningunha proposta nin pegar na fronte unha etiqueta antes de poñerme a escribir. Vaia, hoxe teño o corpo de microrrelato resultón con tendencias modernistas, e aí vén o texto. Coido que as etiquetas veñen pola banda da recepción, non da emisión. Correspóndenlle á xente que nos le e valora o noso traballo. Eu emito unha mensaxe a través dunha canle, cífroa; a maneira que me apoñan despois de descifrala xa non é tanto cousa miña como pode selo o traballo de codificación, o sentido crítico e a complicidade lectora fan o resto. Por iso o certo é que o mínimo, o curto, o micro, si levan consigo un código específico pero tamén unha consideración moi activa da persoa que le porque a microficción pretende a retroalimentación para que o texto e a súa mensaxe se abran –ou se pechen- para “acabar de facerse”. Niso parécese á poesía, na confianza que depositamos en quen le para que a mensaxe se decodifique. É máis íntima aínda a relación entre poesía e relato se á poesía lle aquelamos o de “en prosa” e ao relato o de “micro”, porque aí se eslúe unha ínfima fronteira, pero non, aínda así son lugares diferentes que requiren de formacións e experiencias diferentes e non teñen por que funcionar os textos poéticos na narrativa e viceversa. (…)
– B: Vostede publica desde que tiña 20 anos. Daquela foi encadrada na xeración poética dos 90. A este respecto interésame coñecer que pensa sobre a influencia daquel tempo literario sobre a cultura contemporánea galega. Foise mitificando aquela época conforme se afasta? Tiveron que loitar vostedes, as escritoras daquel tempo, para individualizar a súa visión literaria?
– EP: A primeira vez que me apuxeron unha etiqueta foi nese momento. Publiquei o meu primeiro libro antes de rematar a década dos 90 e alí me pegaron na fronte o colante de “Poesía de muller” que foi como se nos denominou ás mulleres que publicamos no momento, como escindindo as voces femininas das masculinas e creando un subgrupo programado para traballar xuntas. Eu estaba no momento do arranque, do querer aprender e ser aconsellada e non me molestou. Tiña vinte anos e a aceptación no mundo adulto é importante nesta idade, tomeino como algo iniciático e conformeime con esa consideración porque non me pareceu pexorativa. Agora mesmo continúa a parecerme algo circunstancial e froito do boom das voces femininas daquela década, pero, xa con perspectiva, paréceme que considerar que o fenómeno era algo novo ensombreceu o esforzo das que traballaron antes ca nós. Tamén hai que dicir que somos un país mitómano e, dentro da literatura o mito é fundamental, así que como non mitificar cada paso dado se deixou pegada e foi exitoso! Queda aí o que pasou nos 90 para apreixalo e aprender e, por suposto, para manter a convivencia porque as autoras dese momento aínda somos novas e nos queda moito por traballar. O bo é que o traballo e o tempo foron destrenzando aquel pack literario e puidemos ir mantendo os nosos discursos persoais, que é doado localizarnos como poetas dos 90 pero tamén enunciar os nosos nomes individualmente. Iso solidifica cada un dos nosos discursos persoais. (…)”