As contas da cultura 2018: Lingua e libros

Desde Cultura Galega:
“(…) Libro e bibliotecas: Máis apoio aos arquivos e menos axudas directas ao sector editorial marcarán a política en 2018
Cun incremento de preto do 30%, os arquivos son os máis beneficiados no incremento de fondos no programa de Bibliotecas, Arquivos e Museos dos Orzamentos da Xunta para 2018. Fronte a isto, o dencenso no apoio ao sector editorial e o movemento de fondos para sufragar as feiras do libro preséntanse como as cuestión máis destacadas deste ámbito. En xeral os fondos do programa Bibliotecas, Arquivos, Museos e equipamentos culturais acadan un incremento de máis de 700.000 euros (un 3,7%) e chegan ao 18.836.988. Para alén dos 300.000 euros que medran os gastos de persoal, a partida xenérica para “Promoción da lectura e do libro” é a que ve un incremento máis destacado, dun 26%, a sumar 60.000 euros e chegar aos 223.000.
Menos apoio directo
Malia ao crecemento do programa, a industria editorial ve reducidas as partidas que lle achegan un apoio económico máis directo nos orzamentos de 2018. Deste xeito, o soporte á edición do libro en galego suma 30.000 euros e chega aos 178.460 euros, o que non supón unha mellora destacada logo dos 200.000 que perdera este apartado no pasado ano. A esta partida súmanse as continuístas de “Apoio á promoción, produción e edición do libro en galego” que mantén os seus 210.000 euros e, xa no programa de Fomento da Lingua, a de “Subvencións a empresas editoras para proxectos en lingua galega”, que tamén segue a contar con 170.000. Os cartos destinados a lotes fundacionais e adquisición de fondos bibliográficos continúan nos 425.000 euros e non recuperan os 35.000 que perderan no pasado ano. O recorte máis destacado é a redución dun 50% dos fondos que xestionan os concellos para “adquisición de novidades editoriais en galego”, que fican con 200.000 euros logo da súa estrea o pasado ano. En conxunto, a suma destas partidas supón 1.183.460 euros de apoio para o sector este ano, 170.000 euros menos que o anterior, o que supón un bo recorte logo do incremento de 64.400 que viran estas liñas no pasado exercicio. (…)
Bibliotecas
Tamén as bibliotecas recibirán mais fondo neste exercicio. A suba de 206.000, un 15% máis, deixa estes centros con 1.344.940 euros de fondos en diferentes apartados. Semella que son as achegas a entes locais para investimentos nestes centros os que absorben principalmente este crecemento, xa que pasan de 197.000 a 350.000 euros. Canda a isto, a creación dunha nova partida de Axudas á Dinamización Bibliotecaria e Cultural para Bibliotecas Municipais, dotada con 195.000 euros, aparece como a máis beneficiada no reparto e semella apontoar a aposta, xa iniciada no anterior exercicio, de dotar de maior músculo a administración local para xestionar estas entidades. Fronte a estes, outros apartados verifican transvases orzamentarios importantes. Así, dos fondos para actividades culturais de animación perden 142.000 euros e fican con só 98.000 euros, aínda que cabe pensar que serán os concellos os que cubrirán, coa nova partida comentada, este labor. O resto de apartados considerados, como son o de “Sistema Bibliotecario de Galicia” (335.000 euros), Bolsas para bibliotecas (216.940), Equipamentos e mais obras e reparacións para a Rede de Bibliotecas de Galicia (90.000 e 60.000 euros) repiten contías a respecto do pasado ano.”