Isabel Soto: “Boto en falta maior coidado pola lingua meta, o galego”

Entrevista de Daniel Salgado a Isabel Soto en Sermos Galiza:
“”A fluidez e a solvencia na lingua meta” e “o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal” de Fosca (1869), de Iginio Ugo Forchetti, valéronlle a Isabel Soto (Vigo, 1969) o premio Plácido Castro de Tradución. Crítica coa histórica ausencia de “planificación seria” no sector, alerta das condicións laborais das tradutoras e reclama un maior coidado do galego.
– Sermos Galiza (SG): Por que traducir unha obra como Fosca?
– Isabel Soto (IS): Foi unha decisión tomada entre o editor e mais eu. A editorial busca obras interesantes e combina libros con dereitos e sen dereitos de autor. Fosca é unha obra do século XIX, representante dun intre singular da literatura italiana, a Scapigliatura, que é a bohemia da época. A novela atópase a medio camiño entre o romanticismo e o decadentismo.
– SG: Cal foi a principal dificultade de pasar a escrita de Iginio Ugo Tarchetti ao galego?
– IS: Manter o ton romántico, de misterio, da paisaxe tétrica, da novela. Reproducir esa atmosfera foi o máis complicado.
– SG: Que importancia ten a tradución para unha literatura como a galega?
– IS: Para min é fundamental. Unha literatura moderna debe dispor das principais obras literarias na súa lingua.
– SG: Non parece o caso. Nunca existiu a tradución sistemática do canon clásico da literatura universal.
– IS: Falta, si. Hai moitos baleiros e moitos ocos. Nunca se fixo unha política seria de tradución. Nas asociacións de tradutores hai listaxes de obras sen traducir e percíbese esa realidade. É unha oportunidade editorial, iso si.
– SG: En que consiste, ao seu ver, esa “política seria de tradución”?
– IS: En primeiro lugar, en facer unha revisión exhaustiva e seria das obras fundamentais da literatura universal e promover despois a súa tradución. É que, por exemplo, A montaña máxica de Thomas Mann está sen traducir. E como esa, moitas outras.
– SG: Como cualifica o estado da tradución literaria ao galego?
– IS: Como en todos os traballos, as condicións laborais son un pouco lamentábeis. Trabállase con prazos moi curtos. As tarifas son diferentes para encargos semellantes. Para te manter como tradutora tes que ter unha continuidade moi forte. Hai editoras que funcionan axeitadamente, pero outras tardan en pagar. Hai unha serie de prácticas que dificultan o noso labor. (…)”