Andrés Torres Queiruga: “O compromiso de Encrucillada co galego é incondicional”

Entrevista a Andrés Torres Queiruga na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Encrucillada naceu, como se explica no limiar da monografía, para tender pontes entre o cristianismo e a cultura galega. E fíxoo nun momento complexo, pouco despois da morte do ditador Francisco Franco. Como lembra aquel contexto?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): Era toda unha encrucillada, como di o nome da revista. Naceu, en primeiro lugar, nun momento en que estaba aí o pulo do Concilio Vaticano II, que renovou a conciencia relixiosa na humanidade buscando unha sintonía coa cultura e coas necesidades máis fundamentais dos seres humanos. Por outra banda, estaba tamén o descubrimento, ou redescubrimento, do galeguismo por unha parte máis aberta da Igrexa con persoas da miña xeración, unhas formadas en Salamanca e outras en Santiago de Compostela. E por último, estaba detrás a Revolución do 68 e a revolución política en España. Todo iso confluíu no intento de crear unha revista que respondera a unha visión cristiá desta nova situación, buscando ante todo un cristianismo renovado e encarnado en Galicia. (…)
– RAG: Con estes obxectivos, queda claro que Encrucillada tiña que ser unha revista en galego, non?
– ATQ: Si, iso tamén era evidente. Se cremos nunha relixión que convive coa cultura dun país tamén debe estar escrita no idioma dese país. Isto era para nós prioritario e, de feito, mantivémolo contra vento e marea.
– RAG: Segue sendo hoxe unha reivindicación, a do uso da lingua galega na Igrexa católica, que cómpre repetir?
– ATQ: Sen dúbida. Naquel momento a Igrexa en conxunto, e agora falo da galega, estaba máis viva do que está hoxe, había máis receptividade. Hoxe na Igrexa a mentalidade galega está máis estendida, pero hai menos entusiasmo, a xerarquía desentendeuse disto e segue claramente desentendida. Polo tanto, esta necesidade [de uso do idioma galego] seguímola sentindo posiblemente con máis intensidade ca daquela.
– RAG: A monografía presentada o venres na Academia é boa proba dese carácter plural nos temas abordados por Encrucillada do que falabamos. Que imos atopar nas súas páxinas?
– ATQ: O primeiro tomo recompila os artigos publicados en Encrucillada sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas desde o nacemento da revista (desde López Ferreiro a Carlos Casares) e o segundo xunta outros artigos sobre autores galegos. Cremos que é unha achega moi bonita á nosa cultura e que merece unha presentación solemne na Academia, dado o noso compromiso incondicional coa lingua e o noso recoñecemento ao labor que está facendo a RAG.”