A Xunta renuncia a catro das cinco feiras internacionais do libro en que participaba

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza (foto da Feira de Boloña):
“O Goberno galego cancela a súa presenza en catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Así o publicou nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Oitavén o pasado 29 de decembro.
O documento expón que a Xunta de Galiza non licitará os catro dos cinco “lotes” destinados á “organización dos actos que vai desenvolver a Consellaría nas feiras do libro internacionais que terán lugar no ano 2018” por 157.024 euros. A presenza institucional só se manterá na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.
Nin a Feira do Libro para Cativos de Boloña -considerada a máis importante no que respecta ao libro infantil e xuvenil, en que a industria editorial galega é potente-, nin a de Barcelona, nin a de Frankfurt, nin a de Guadalajara (México) contarán co habitual posto da Xunta. A Administración suspende in media res o proceso iniciado o 28 de setembro do pasado ano e acusa “dun crecente desinterese” os axentes implicados nos certames, “fundamentalmente do sector editorial”.
Desde a Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa empresas produtoras de máis do 90% dos libros que se publican en Galiza, cualifican de “falsidade” a argumentación da Xunta. “É unha vella historia”, explica o seu presidente, Xosé Ballesteros, en declaracións a Sermos Galiza, “hai tempo que lle manifestamos á Xunta que non estabamos de acordo co sistema de presenza institucional nas feiras”. De feito, o 19 de decembro -dez días antes da inesperada resolución gobernamental-, remitían unha carta ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en que expuñan as súas razóns.
“A presenza e a participación activa nestas feiras ten importancia para o sector do libro galego, e consideramos que a AGE non pode continuar a ser un invitado máis no stand de Galiza”, sinalaban, “producimos máis de 90% dos libros que se publican no país, afrontamos os custos de manter o sector do libro galego vivo, mais somos espectadores do agravio comparativo”. Lamentan que “outras micro empresas”, adoito que nin sequera publican en galego, “ocupan o mesmo espazo que calquera das que máis publica no país”.
Tampouco comparten os editores que “persoas alleas ao sector, que non coñecen a súa realidade nin a do mercado internacional do libro” xestionen e atendan o stand da Xunta. “Dificilmente poden realizar o labor que o libro galego precisa neses foros tan competitivos, malia a súa amabilidade cara ao público asistente”, engadían.
A misiva da Asociación de Editores solicitaba á Secretaría Xeral de Cultura “procurar vías de colaboración que dean contas dos intereses institucionais e profesionais. Trataríase de sumar esforzos públicos e privados a fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios espazos contiguos, que permitan mostrar o mellor da escrita e da ilustración galega e o máis salientable da industria editorial galega, ao resto do mundo”.
Nesa mesma comunicación, que constataba a falta de interese da Xunta por atender ao diálogo sobre as súas consideracións, as empresas editoras anunciaban que asistirán á Feira do Libro para Cativos de Boloña cun posto propio, en que se “mostrarán as novidades das empresas asociadas que o desexen, desenvolveranse actividades profesionais e estará atendido e xestionado pola secretaria técnica da AGE”. E expresaban a súa intención de “valorar en cada momento as formas de participar ou non no resto das feiras internacionais programadas”.
A resposta de Cultura foi anular a súa presenza en Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalajara. Só estará en Bos Aires, coa xustificación de alí existir “unha importante colectividade galega que recomenda continuar aproveitando este evento para fomentar e promover a cultura galega”.
A lei do libro e da lectura 17/2006 afirma que “a Xunta fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos de empresas, ou sexan de interese para o país”. A Consellaría de Cultura bórrase agora do medio e deixa o labor en mans do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e das cámaras de comercio.”